“ As superoínas também dubidam” SuperUlex de Susana Sanches Arins.

AG.- ( A muller toxo; Toxo, nome científico: Ulex europaeus)

Clara, a nosa SuperUlex (defínese a si mesma coma “Cardo. Tojo . Distante. Soberba”), vén de reincorporarse ao seu instituto (Liceo) tras recuperarse dunha leucemia que lle deixou unhas secuelas moi curiosas, uns superpoderes ( hipersensibilidade na pel, unhas forzas extraordinarias, un cabelo “ingovernável e crespo”) que van facer dela unha “superoína”.

Clara escribe en cadernos a súa vida, ela mora con a súa nai, a súa tía Susa e a súa especial e marabillosa bisavô Rorita ( a cal vai ser a súa compañeira e confidente); cando ela descobre os seus superpoderes decide utilizalos para combater a favor das boas causas: loitar contra os abusos e os acosos dos maus compañeiros, axudar aos animais confinados ou protexer o medioambiente… conxuntamente coa súa banda de compañeiros e compañeiras, a tropa fandanga. Porén ela tamén está á procura da súa identidade, do sentido da heroicidade: “ … a heroicidade é exercer a dintinçao no reino da uniformidade…”

Mais esta novela de Susana Aríns non queda nos feitos, na superficie, senón que profundiza no día a día da protagonista, da súa familia, das súas amizades, nos seus sentimentos, as súas inseguridades, nas transformacións dos seus corpos e mentes adolescentes. Cunha gran sensibilidade, a autora nárranos por medio de pequenos capítulos, frases curtas e directas de doada lectura as aventuras do cotiá vividas pola rapazada da ESO do instituto de Clara, o choque entre os enfoques do mundo dos adultos e os puntos de vista dos e das adolescentes ( en moitos casos máis claros e xustos cós dos adultos)…

Unha novela dos superheroes da vida cotiá que deparará máis dunha sorpresa ao lector ou lectora, que se le con fluidez e pracer; unha obra narrativa esta da que gozaredes coa lectura, comentarédela entre vós, arredor da cal debateredes, mesmo vos posicionaredes os lectores e as lectoras xuvenís, de certo que non vos deixará indiferentes, que vos conmovorá e llela recomendaredes aos vosos e vosas colegas.

E rematamos coa nosa proposta: Clara, a protagonista de SuperUlex ten unha cámara coa cal lle fai fotos ás floriñas silvestres, na novela estas identifícanse polo seu nome común e o científico, por exemplo “celidonia, chelidonium majus” (pax. 82), suxírovos que busquedes as imaxes destas floriñas que retrata Clara, na rede e con elas creedes un fotoherbolario virtual da novela SuperUlex de Susana Aríns e logo o compartades no voso “Imsta” ou en Twitter co cadeado #SuperUlex.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *