Olla a palabra do día (1): “Patriarcal”

AG.- A palabra seleccionada polo Portal das palabras para o 5 de outubro é PATRIARCAL.

Hoxe presentamos tres propostas, dúas en formato analóxico e unha en dixital. A primeira delas, realizada por David González Gándara,  conxuga a palabra do #ollaapalabradodía coa da listaxe do #inktober #outonodetinta.

A segunda creación, en forma de apuntamentos visuais, vén da man de Isabel Barcón Soto e recorda, co gallo do Día da Nena, algunhas das reinvidicacións polas que cómpre seguirmos loitando.

Por último, a proposta de Diana Pastoriza coloca o foco sobre a desigualdade xerada polos privilexios derivados das relacións desiguais perpetuadas polas estruturas patriarcais. O debuxo foi inspirado por unha cita de Carol Gilligan que dicía algo así como que “Se queres elevar un grupo de persoas sobre outras, tes que recortar as capacidades relacionais como seres humanos. Tes que impedir que a persoa que está por enriba sinta empatía polos que están abaixo”.

 

PROPOSTA DE AULA (para ESO, Bacharelato ou adultos) para contextualizar a realización do debuxo:

Ao fío dunha estatística, que o 72% dos investigadores científicos son homes, de acordo coa UNESCO, ou ben dalgunha das cifras dos apuntamentos visuais de Isabel, lanzar algunhas preguntas como por exemplo: “Como se transmiten os estereotipos desde a infancia? Ves diferenza nos xoguetes que se regalan a nenos e nenas? Que podemos facer a nivel individual para desmontar estes estereotipos? E como sociedade?”

Recursos Día das Rapazas nas TIC (CESGA)

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *