I Concurso “Olla a palabra do día!”

AG.- Lembrades que o ano pasado por estas datas vos convidamos a poñerlles imaxes ás nosas palabras do día con papel e lapis? Pois neste ano 2020 que semella tan gris lanzamos de novo o reto #outonodetinta da man do colectivo Galiza Visual, pero con novidades ben interesantes! Pensamos que o esforzo que estades a facer dende as vosas escolas e institutos merece un recoñecemento que vos permita debuxar un sorriso por baixo das máscaras, e por iso argallamos o concurso Olla a Palabra do Día!

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié convocan, a través do Portal das Palabras e en colaboración co colectivo docente Galiza Visual, o Concurso Olla a Palabra do Día! A iniciativa pretende promover a divulgación do léxico galego, e potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o pensamento visual.

Repartiremos oito premios entre as aulas de infantil e primaria e mais os centros da ESO que aceptedes o reto de traducir á linguaxe plástica os conceptos que representan as palabras do día dunha das semanas de outubro.

Velaquí as pistas: na semana do 5 ao 11 de outubro celebraremos o Día da Nena; do 12 ao 18 de outubro homenaxearemos a Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020; do 19 ao 25 prepararémonos para o Samaín e do 26 de outubro ao 1 de novembro convidarémosvos a reflexionar sobre a importancia da educación ambiental.

Ide afiando os lapis e esprimindo os miolos, estamos desexando ver as vosas creacións!

BASES DO CONCURSO


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *