Cando as escritoras len banda deseñada

AG.- Coñecedes a escritora Ledicia Costas? Seguro que si! E seguro que sabedes que as escritoras e escritores non só se dedican a escribir, senón tamén a ler moitísimo. Por iso, neste vídeo, que gravou especialmente para Aulas Galegas, a autora recoméndavos unha banda deseñada que é unha das súas preferidas e explícanos por que.

Por que non vos animades a ler esa banda deseñada para o verán? E por que non investigades que máis bandas deseñadas hai en galego? Aquí vos deixamos algunha suxestión que vos vai encantar: a serie Lendas do recreo de El Hematocrítico e Albert Monteys, se queredes rir a esgalla e lembrar eses trinta minutos no que no patio ocorre de todo; e a serie Animalia de Xosé Tomás,  unha oportunidade tamén moi divertida de coñecer o mundo animal (se ides  en Primaria non o dubidedes, calquera das dúas series, como a que vos recomenda Ledicia, é unha magnífica opción).

Ademais, nunca pensastes en ser guionistas e debuxantes de historietas? Tan só tendes que pensar unha historia, crear unhas personaxes e matinar un escenario. Despois, lembrade as convencións do xénero: as viñetas, os globos, as onomatopeas, etc. Como que debuxades mal? Non o cremos, pero por se acaso, tendes unha chea de aplicacións gratuítas que vos poden axudar a crear a vosa propia banda deseñada: Stripgenerator, Pixton, ou se es de superheroínas ou superheroes, na web da propia compañía Marvel podes facelo. (Que eu saiba Escarlatina, Esmeraldina ou Bubble, todas elas fillas ficcionais de Ledicia Costas aínda non teñen banda deseñada. A que estás agardando?)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *