Os tres primeiros minutos do Universo
AG.- Se o Universo tivese 24 horas, a materia que compón todo o que nos rodea formouse en tan só os 3 primeiros minutos. Dende os quarks, gluóns e leptóns, as partículas máis elementais e únicas, ata a enorme diversidade das galaxias e cúmulos de galaxias, hai unha viaxe evolutiva de 13.800 millóns anos. O xoves 25 de xuño, ás 16:00 (hora de Madrid), abriremos unha xanela ao ceo co investigador do IGFAE e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Pajares, na súa charla online “Os tres primeiros minutos do Universo” para escrutar a natureza máis íntima da materia.
“Universo peregrino: ciencia galega cara ao mundo” é un ciclo de charlas divulgativas online organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a comunidade galegofalante internacional. En momentos de illamento en que os peregrinos non poden vir a Santiago, a cidade Xacobea é a que reconstrúe as pontes e emprende a peregrinaxe cara ao mundo. Todos os xoves de maio e xuño de 2020, ás 16:00 (hora de Madrid), o persoal investigador do IGFAE dará unha charla sobre distintos temas de física que poden seguirse online na plataforma Microsoft Teams.
Podes seguila en directo premendo AQUÍ o despois a través da canle de YouTube do IGFAE.