#ContaxioUNICEF: Conto audivisual en tempos de COVID-19

AG.- Nun dicionario viven  as palabras e os seus significados; as palabras (como medo, inxustiza, máscara, pobreza, pena, marxinal, fame…)  poden evocar en nós sentimentos, emocións, valores, impresións, sensacións, afinidades, rexeitamentos… e este conto audiovisual difundido por UNICEF fálanos da vida das palabras, dos seus significados e das sensacións que provocan en nós, tan intensas como as que sentimos hoxe ao escoitar a palabra contaxio .

Desde esta organización preséntannos Contaxio , un conto audiovisual para fomentar a cultura e a educación da infancia en tempos da COVID-19. Promovido por UNICEF e a actriz e presentadora Lucía Regueiro, é un conto colaborativo escrito por María Solar, Fran Alonso e Ledicia Costas. Ilustrado por Leandro Lamas, en Contaxio prestan as súas voces caras coñecidas do audiovisual galego como Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Beatriz Serén e María Vázquez e coa realización de Lucía Rodríguez.

Nesta época en que a COVID-19 cambiou as rutinas dos nenos, nenas e adolescentes, esta proposta busca promover o seu dereito á educación e a estar informados dos temas que lles afectan. Porque, aínda que os centros escolares pecharan, a educación non se detén.

Coñece e comparte #ContaxioUNICEF  https://bit.ly/ContaxioUNICEF

A nosa proposta para hoxe consiste en coller un dicionario, dos antigos, en papel e crear unha longa listaxe de palabras que vos evoquen sensacións, emocións, sabores sempre en positivo,  para respiralas e mastigalas, mascalas e facelas nosas nesta loita contra a Covid-19.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *