As crónicas do confinamento

AG.- A profesora e colaboradora nosa, Concepción Díaz Candán, relátanos a proposta de escrita que lle propuxo ao seu alumnado de 2º de ESO en tempos de confinamento.

O IES Sánchez Cantón é un centro situado na cidade de Pontevedra que determina, en gran medida, que o alumnado sexa case na súa totalidade castelán falante. Cando comezou o confinamento o primeiro que me veu á cabeza foi como podería facer para seguir fomentando a oralidade e que o meu alumnado continuase mellorando a súa competencia. Como estabamos vendo a tipoloxía textual vinculada cos medios de comunicación, ocorréuseme un sinxelo exercicio que titulei “As crónicas do confinamento”. Esta iniciativa xa tivera un precedente no cambio de trimestre, un Diario de Nadal escrito que servía como punto de partida para unha exposición oral ao volver das vacacións.

Resumo da iniciativa: como se se tratase de xornalistas , os rapaces e rapazas de 2ª da ESO crearon as súas propias Crónicas do confinamento. Aproximadamente, durante 10 días (podían ou non ser seguidos), os alumnos e alumnas tiñan que gravarse (audio ou vídeo), de entre un minuto a un minuto e medio de duración, combinando a información favorecida polos medios de comunicación sobre a pandemia, coas súas impresións persoais e os seus sentimentos. A única recomendación era que fixesen un guión sobre o que ían falar para que non perdesen o fío ou repetisen información.

O resultado foi moi satisfactorio. Houbo quen fixo día a día as gravacións, e quen elaborou os guións diariamente para gravar todo xunto ao final.

Achego a actividade tal e como se lle formulou ao alumnado e unha pequena mostra: un audiovisual da alumna Laura Vázquez Maceiras que gravou todos os días seguidos, e varios audios de Violeta Fortes, ambas de 2º ESO:

Dos creadores de “Diario de Nadal” chega: “Crónicas do confinamento”, un novo exercicio para demostrardes as vosas habilidades comunicativas.  Agora, ides ser xornalistas e o voso labor informar de como estades levando este período mediante a creación dunhas crónicas.

As crónicas informan sobre os feitos ocorridos nun día, nunha xornada ou nun breve período de tempo que vós, os e as xornalistas analizades, valorades e interpretades. Para realizar esta tarefa, debedes combinar a información obxectiva das noticias coas vosas propias impresións persoais.

Como se fai a crónica?

– Debedes crear unha pequena crónica falando do vivido; mesturando datos obxectivos que vexades, por exemplo, nas noticias (avance da pandemia, vacinas ou medicamentos…), coas vosas impresións persoais, os vosos sentimentos (medo, dúbida, alegría por xogar a videoxogos…).

– Tedes que facelo durante 10 días (non teñen que ser seguidos).

– Formato e duración: trátase de que vos gravedes falando durante un minuto máis ou algo máis (de 60 a 90 segundos). Podedes facelo co ordenador ou co móbil e podedes facelo cun arquivo de audio ou cun audiovisual, iso como queirades. Ao final, teriades de 10 a 15 minutos de gravación nos que se vai retratando a corentena xunto coas vosas impresións diarias.

– Presentación: nun arquivo único de audio ou vídeo ou en arquivos independentes. Tedes que achegalo por correo electrónico. No caso de teren moito peso, podedes utilizar a plataforma WeTransfer.

-Recomendación: primeiro, redactade un guión da vosa intervención para saber de que falar.

-Podedes apoiar a vosa crónica co que queirades.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *