Día Nacional das Linguas de Signos

AG.- Este domingo, 14 de xuño, celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos. Desde Aulas Galegas, na sección Atención á Diversidade, queremos facer fincapé nesta celebración.

 

 

Sabedes por que se celebra este día? O 14 de xuño é un día no que se trata de difundir entre a sociedade a lingua das persoas xordas, a súa utilidade e o seu valor. Desta forma ponse en coñecemento de todos os cidadáns que as linguas de signos son un idioma para a vida e para a convivencia; ao mesmo tempo inténtase promover a súa aprendizaxe nas persoas oíntes. Ata o 2007 non se logrou que fora considerado un idioma oficial do Estado. Grazas á Lei 27/2007, do 23 de outubro as persoas xordas conseguiron que a súa lingua nai fose oficial.

Desde a FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia) achegan nas súas redes sociais o seguinte vídeo, signado por Miguel, e o lema deste ano: “A lingua de signos non deixa a ninguén atrás“.

 

Ao ser nós unha plataforma de recursos educativos decidimos compartir convosco este vídeo que Iván, da Familia Vázquez TV, comparte nas redes. No mesmo fainos conscientes das dificultades ás que se enfrontan no sistema educativo as persoas xordas. Facer fincapé en que Xordo, con maiúscula, é aquel que ten identidade xorda, que emprega como primeira lingua a Lingua de Signos e forma parte da Comunidade Xorda.

 

Compartimos tamén, pola súa significatividade, o himno galego en Lingua de Signos. Esta versión está cantada por Lucía Perez e realizada polo programa Hefesto do concello de Pontevedra (2015). O obxectivo do mesmo é o de reivindicar a normativización da Lingua de Signos Galega. Atrevédesvos a probar?

 

Para rematar, deixamos por aquí esta canción que adaptou á Lingua de Signos o equipo do CEE Nosa Señora do Rosario da Coruña. Contaron coa colaboración do persoal docente e non docente e do alumnado, así como coa participación do alumnado de Lingua de Signos (materia de libre configuración) de 4º e 6º de EP do CEIP María Pita (A Coruña).

 

 

Esperamos que vos entraran as ganas de aprender. Tedes moitos vídeos na rede, entre os cales destacamos os da nosa compañeira, Tareixa, Intérprete de Lingua de Signos do CEIP Quiroga Palacios. Deixamos aquí a ligazón á súa canle de Youtube.

https://www.youtube.com/channel/UC1tct_jo6CQElXLyW9MLEpw

Por último engadir que quixemos compartir convosco un vídeo das vivencias dunha persoa xordocega. É unha mágoa pero foi imposible debido á Pandemia. Esperamos nun futuro poder compartilo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *