O CERN, entendendo a importancia dun dos maiores laboratorios científicos do mundo
AG.-
“O CERN, entendendo a importancia dun dos maiores laboratorios científicos do mundo”, sexta sesión do ciclo “Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo”
Ciclo de charlas “Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo”
Nos últimos anos o CERN, o laboratorio de física de partículas máis importante do mundo, tense convertido en protagonista de moitas novas, sobre todo, relacionadas co Gran Colisor de Hadróns (LHC, polas súas siglas en inglés), o maior acelerador de partículas da historia. O xoves 11 de xuño ás 16:00 (hora de Madrid), o investigador do IGFAE, Xabier Cid Vidal explicará a relevancia do laboratorio, para así entender como a detección de partículas minúsculas require máquinas tan grandes e poderosas.
“Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo” é un ciclo de charlas divulgativas online organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a comunidade galegofalante internacional. En momentos de illamento no que os peregrinos non poden vir a Santiago, a cidade Xacobea é a que reconstrúe as pontes e emprende a peregrinaxe cara ao mundo. Todos os xoves de maio e xuño de 2020, ás 16:00 (hora de Madrid), o persoal investigador do IGFAE dará unha charla sobre distintos temas de física que poden seguirse online na plataforma Microsoft Teams.
Podes seguila en directo facendo click aquí (https://bit.ly/universoperegrino11xuño) ou acceder despois a través da canle de YouTube do IGFAE.