Queres aprender a facer empanada?

AG.-

              Cociña con Patxi é unha sección de Na Estrada,en galego, unha páxina que pretende darlles visibilidade aos comercios en galego, na Estrada.

EMPANADA DE XOUBAS  OU  BOCAREUS

       Fonte da imaxe:Na Estrada,en galego

                                             Ingredientes:     

  • Masa: 15 gramos de lévedo de panadería, un chisco de sal, 650 gr de fariña, medio  vaso de leite, auga e un chisco de sal. 
  • Recheo: medio quilo de xoubas ou bocareus pequenos, dúas cebolas, catro dentes de allo, dous porros, medio pemento vermello, 200 gramos de tomate frito, dúas culleradas de aceite de oliva virxe extra, sal e pementa.

                                                       Elaboración:

  •  Elaboracións masa: mesturamos o lévedo nun vaso de auga morna e esperamos sobre 5 minutos. Logo, botamos a fariña mesturada co sal  no mesado. A continuación, facemos un oco no medio. Despois, botamos o leite e a auga mesturada co lévedo. Comezamos a xuntar cara a dentro e imos engadindo auga pouco a pouco segundo faga falta ata que teñamos unha masa consistente, despois amasamos 10 ou 15 minutos e colocamos unha cunca ou un recipiente circular  grande enfariñado. Tapamos cun pano e deixámolo levedar sobre dúas horas. Pasado ese tempo e, se todo vai ben, tivo que duplicar o seu tamaño orixinal.
  •  Elaboracións do recheo:  quitámoslles a espiña e lavamos os bocareus. Picamos os allos e cando estean dourados, engadimos a cebola, o porro e o pemento. A continuación botámoslle sal e deixámolo na tixola 30 ou 40 minutos. Cando estea ben feito e case sen auga, engadimos o tomate frito, ata que quede espeso, sen auga.
  •  Unión da masa e do recheo: collemos o 60 por cento da masa e estirámola, repartimos o recheo sobre a masa e colocamos os bocareus ou xoubas (dependendo do caso) coa pel cara arriba e despois estiramos a outra parte da masa e cubrimos os bocareus ou xoubas, selamos os bordes cun garfo e pintamos con ovo batido, abrimos un burato no medio do tamaño dun euro e metémola no forno pre-quente a 200 graos sobre 25 minutos.

 A continuación, poderemos degustar a nosa empanada de xoubas ou bocareus.

Que aproveite!

        Patxi López Durán,membro de Na Estrada,en galego


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *