Cales son as razóns para que unha substancia cristalice dunha determinada forma? – Alumnado
AG.-
INFORME DO ALUMNADO
Introdución: Como se crean os cristais dunha rocha? Neste investigación teremos que pescudar como se forman os cristais que forman as rochas e os minerais. A pregunta será, como crecerán os cristais baixo determinadas circunstancias. Observade exemplos de cristais nas rochas e minerais e reflexionada sobre os factores que condicionan a súa formación.
Materiais: a continuación amoso a relación de materiais que se poden usar (cada grupo seleccionará un). Todos os grupos poden ter cámara de fotos ou teléfono móbil para rexistrar. Tamén poden ter un caderno de laboratorio onde anotar o que se fai en cada paso.
Seguridade no laboratorio: como se vai traballar con materias de vidro e queimadores deben terse as precaucións de seguridade normais no laboratorio.
Comezamos: antes de comezar temos que preguntarnos que queremos facer. Na investigación que temos entre mans, a dita cuestión é:
Cales son as razóns para que unha substancia cristalice dunha determinada forma?
Unha vez temos a pregunta, o seguinte será construír a nosa hipótese ou predición a partir do coñecido nas clases de xeoloxía. Dado que temos varias substancias e formas de cristalización, en principio ímonos fixar nunha soa cousa para empezar, que será a concentración da solución inicial, polo tanto a hipótese será:
Canta maior concentración, maior tamaño de cristais.
Canta maior concentración, cristais iguais de tamaño.
Tedes que escoller unha das dúas opcións. Denominaremos a hipótese escollida (hipótese experimental) e a non escollida (hipótese nula).
AVISO PARA NAVEGANTES: para poder comparar os tamaños tedes que “fixar” variables como usar o mesmo tipo de recipiente ou o tempo… Unha das maiores complicacións en ciencia é sempre repetir o experimento nas mesmas circunstancias. Tedes que ter en conta en todo momento iso, que se poida replicar nas mesmas circunstancias. Tedes que anotar todo, rexistralo nun caderno de laboratorio para poder analizar logo. Para axudarvos nisto, tedes que determinar que datos debedes recoller e que datos debedes ter fixos en cada proba.
Como medimos e recollemos datos?: un problema importante é como se mide un cristal, debedes determinar en grupo:
Que medir?
Cando medir?
Como anotamos a dita medida?
Cada canto tomamos a medida?
Quen toma a dita medida?
E logo que facemos con isto?: tras facer varias probas teremos un datos (resultados) para cada tipo de proba formulada, para cada cambio que introducides, para cada variable que cambiades… Os datos recollidos determinan se a hipótese escollida é correcta ou incorrecta. Pero claro, ao igual que para a medida, debemos determinar antes que consideramos como resultado, aquilo que vai sinalar se é correcta ou incorrecta a nosa predición. Para isto é importante presentar os resultados dunha forma que permita determinar sé é correcta ou incorrecta. Debemos ter en conta as formas de presentar os ditos datos dunha maneira clara e entendible por todos, por exemplo, unha táboa, un gráfico…
Toca explicarnos: tras facer as probas que consideremos, e confirmar ou negar a nosa hipótese deberemos elaborar unha táboa como a que se mostra a continuación:
Como se pode ver, na táboa veñen recollidas todos os compromisos e decisións tomadas durante o proceso, por iso é importante un caderno de laboratorio onde ter todo anotado para poder consultar. Tamén por iso é útil tomar nota e decidir as cousas previamente. Os resultados e evidencias serán presentados no formato que se decidiu previamente no noso grupo. A xustificación das evidencias presentadas é onde se explican as razóns de usar as ditas evidencias, e as razóns da súa importancia para confirmar ou refutar a nosa hipóteses. Tamén é onde anotamos as razóns das evidencias que axudan na explicación do observado. Na discusión dos resultados e evidencias é onde sinalamos como e en que forma os resultados e evidencias confirman ou negan a nosa hipótese. É onde sinalas os nosos erros, as posibles variables que podemos investigar…
Todo o anterior lévanos á última parte, ás conclusións, que consistirá nun resumo do traballo e do resultado final que sacamos da nosa investigación.
Unha vez rematado, que?: unha vez rematado todo e coas ideas claras é o momento de compartir co resto dos compañeiros e compañeiras para poder intercambiar ideas, resultados, hipóteses… É onde se usan as probas recollidas para argumentar a nosa investigación e defender a nosas ideas. Para isto, cada grupo explicará os seus resultados no formato que os científicos utilizan nos congresos, ben en presentación oral, ben nun póster. Tanto nun caso como no outro, debemos dar a coñecer o seu traballo e responder as cuestións que nos fagan os outros investigadores. Isto permite confirmar os nosos resultados pero tamén propoñer melloras ou atopar erros no noso traballo, é dicir, facer unha reflexión do noso traballo durante a dita investigación. Para poder axudar nisto aos compañeiros/as, resumiremos todo o traballo en fichas como a que se mostra a continuación (Proposta de investigación) de tal forma que teñan todo á súa disposición para poder revisalo con coidado.
Informe final: tras a posta en común dos proceso de cristalización realizados analizaremos as combinacións e resultados dos grupos, e reavaliaremos a nosa explicación e resultado. Con isto, buscaremos propoñer todas variables que condicionan o proceso de cristalización e se as hipóteses plantexadas son válidas. Isto permite facer outra ronda de experimentos coas modificacións propostas. Todo o anterior e estes novos experimentos redactaranse nun informe final onde se inclúan todas as propostas de investigación iniciais e as investigacións despois da posta en común. Ademais, nos como investigadores debemos revisar o traballo dos compañeiros e analizar o traballo dos outros compañeiros para comprobar que non existan erros, que os resultados son correctos, as evidencias reais,…. sempre dunha forma científica utilizando argumentos e usando probas para isto. Este tipo revisión científica denomínase “revisión por pares”, no noso caso, para poder analizar o traballo dos nosos compañeiros debemos ter en conta preguntas como as que non nos tivemos que formular: Que recoller? Cando recoller os datos? Como analizar os ditos datos? Como é mellor facelo? Isto é correcto ou non? Alternativas formuladas no grupo de traballo? Variables fixadas? Para poder recoller o dito traballo, como revisores, temos que anotar nunha ficha (que denominamos Revisión por pares) toda a información do traballo dos compañeiros que recompilamos, as críticas e reflexións que lles fagamos,….Unha vez rematado todo, reunirémonos no grupo para poder facer unha revisión do noso traballo, propoñendo como melloralo, e formulando novas investigacións posibles. Ao final de todo o proceso faise un balance do traballo feito, das críticas… Este informe final recolle todo o feito, pero contesta tres preguntas principalmente:
Contestamos a pregunta inicial feita?
A nosa investigación axudou a contestar a dita pregunta?
Como fixemos isto e que conseguimos?
NOTA: se necesitas o material do profe.
CURRÍCULO: Xeoloxía 2º Bacharelato ( Bloque 1. O planeta Terra e o seu estudo).
PROPOSTA REALIZADA POR: Jorge José Pérez Maceira do IES Ramón Cabanillas.
FONTES: Imaxe cristalización (UNIR).
Pingback: Cales son as razóns para que unha substancia cristalice dunha determinada forma? - Aulas Galegas