Biscoito de Miriam
COCIÑANDO… BISCOITO DE MIRIAM (SEN GLUTE)
AG.- Miriam, a nai de Dani, animoume a cociñar este biscoito sen glute. Riquísimo! E o mellor é que, a min, que non son nada xeitosa cos biscoitos, saíume á primeira, tenro e saboroso! Ela deixounos a súa receita aquí.
MOITAS GRAZAS MIRIAM!
Animádevos a facelo, xa nos contaredes!
INGREDIENTES:
-1 sobre de lévedo (tipo “Royal”).
– 3 ovos.
– 1 limón: riscada da peladura / zume do medio limón.
-1 iogur natural.
Pola medida do vaso do iogur:
- 1 vaso de aceite.
- 2 vasos de azucre.
- 2 vasos de fariña de arroz.
Manteiga para untar o molde e que non se pegue o biscoito.
COMO FACELO:
Prequentar o forno a 180ºC.
Untamos con manteiga o molde que imos usar para cocer o biscoito.
Nunha ensaladeira riscades a peladura do limón (anteriormente ben lavada) e espremedes o zume da metade dese mesmo limón.
Miriam díxome que o zume era conforme gustos. Nós puxemos o zume do medio limón.
ENGADIDES o iogur, os ovos, o aceite, o azucre, a fariña de arroz e o lévedo.
XUNTADES todo coa batedora (coas coitelas, sen usar as baleas) durante un par de minutos, ata que os ingredientes estean ben mesturados.
VERTEMOS a mestura no molde que eliximos e metémolo no forno 40 minutos a 180ºC. Despois deste tempo, comprobamos se está cocido picando o biscoito coa axuda dun pau de cociña (para espetadas, escarvadentes,…). Estará feito, se o pau sae limpo sen restos de masa. Como vimos dicindo nas receitas, cada forno é diferente, en cada casa e sodes vós quen axustades eses tempos.
SACAMOS DO FORNO PARA QUE NON SEQUE e quede esponxoso.
Tomar frío só ou con leite, infusión…
***NOTA DE MÍRIAM: Unha vez feita a mestura, pódeselle engadir froitos secos, froitas deshidratadas, pebidas de chocolate… antes de enfornar.
Lucía Lence Expósito
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.