Enigmas [IV]: As pitas da señora Remedios
AG.- Hoxe un enigma de ambientación rural que hai xa tempo viu a luz en Sermos Galiza. Aínda que en aparencia teña algo de enredo matemático, realmente a solución dependerá dunha boa comprensión lectora e de evitar as suposicións precipitadas.
As pitas da señora Remedios
A señora Remedios decidiu ir á feira de Monterroso para vender alí todas as súas galiñas. Tratábase dunha anciá ben arteira que por cartos era quen de enganar a calquera.
O seu posto na feira era unha especie de curraliño, mais non era posible ver as galiñas, só se escoitaba o seu cacarexar, pois estaban tapadas por unha gran lona. A quen se interesaba polas pitas dicíalle asi:
—As miñas galiñas sonlle ben poñedoras, mais ás pobres non lles convén a luz do sol porque andan mal da vista: tres non poden ver co ollo dereito e tres non poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver co dereito e tres poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver cos dous ollos e outras tres teñen ambos os dous ollos cegados.
Un dos primeiros clientes, ao escoitar a explicación da señora Remedios e os cartos que pedía por elas, pensou: «Por este diñeiro fago ben en levar as dezaoito galiñas». Pagou e marchou coas pitas, sen levantar a lona para non as prexudicar.
Cando por fin chegou á súa casa e descubriu a lona, o comprador arrenegou do negocio porque o número de galiñas se reducira ao mínimo respecto do que el imaxinaba. Iso si, a señora Remedios non lle mentira.
Cantas galiñas lle vendera?
6 galiñas