Historias Cativas de Rosa Aneiros(II). Eusebio e Patricia, Ás de Bolboreta.

AG.- ROSA ANEIROS recupera nesta “historia cativa” as moi queridas personaxes da Luzada: Eusebio e Patricia.

Cando lemos Ás de bolboreta entendemos que o bar o Luzada (de luz?) era unha pequena mostra da nosa sociedade actual, un lugar onde se entrecruzan historias, soños, arelas e devezos de seres que teñen orixes, linguas, razas distintas, un punto de encontro para a solidariedade, para o amor, para a humanidade.

Cada personaxe de Ás de bolboreta ten unha historia de vida que nos conmove, que nos revolve por dentro; no Luzada encontramos os nosos veciños, coñecidos e aqueles que pasan ao noso lado na rúa sen que os miremos; a invisibilidade dos outros está moi presente nesta novela e esta intanxibilidade é unha percepción que moitas persoas senten nos tempos de confinamento: Eusebio e Patricia observan a rúa desde a súa casa, as rúas están baleiras e o home sente que pode estar morto, ser invisible…

Estas dúas personaxes de Ás de bolboreta (el impedido na súa cadeira de rodas, ela a muller que rexenta o Luzada) dialogan ao redor dos medos, das incertezas que pairan nas mentes de todos a causa da pandemia, haberá espazo para a esperanza?

Mellor será que o leades vós mesmos (clicando no seguinte enlace) e tiredes as propias impresións e conclusións:

O voo de Eusebio e da nai de Fiño e Lucía

A nosa proposta a partir desta “historia cativa” de Rosa Aneiros é dupla:

Primeiramente recomendarvos que vos acheguedes á lectura da novela de Ás de bolboreta, non vos deixará indiferentes, asegúrovolo. E para valorar o libro, botádelle unha ollada á guía de lectura que sobre a novela elaborou Pilar Ponte.

En segundo lugar, e ao xeito das viñetas de “Cousas da Vida” de Castelao, propóñovos crear un álbum virtual de imaxes da pandemia: unha imaxe desde a ventá, da vosa rúa, dun rostro, dunhas mans, a terraza do bar da esquina… acompañados dunha liña narrativa, un pequeno texto coas vosas sensacións, pensamentos, ideas…

Pensade que este álbum será unha imaxe da historia de parte da vosa vida, coma a de Eusebio, Patricia, de Iqbal, de Fiño e de Lucía, do avó e do neto… e doutras personaxes que vos esperan no Luzada en Ás de bolboreta.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *