Traballamos co correo electrónico
AG.- O correo electrónico é fundamental nestes tempos de entrega de tarefas e de comunicación entre persoas.
Se es profesora ou profesor xa tes unha conta corporativa e/ou outra que te identifique con nome e apelido (ou apelidos).
Se es alumna ou alumno, poden darse estas dúas situacións:
- Que no teu centro de ensino che proporcionen unha conta de correo onde o nome de usuario sexan os teus apelidos e nome, do tipo figueiraponteuxia@iesdapraia.com ou uxiafigueiraponte@iesdapraia.com. Neste caso xa tes o problema solucionado.
- Que no teu centro de ensino non che proporcionen unha conta de correo, nese caso recomendámosche que abras unha conta de correo coa túa identificación persoal para a túa actividade académica e/ou profesional. É certo que neste momento a maioría da xente abre as contas de correo en Google porque inclúe todo un paquete e aplicacións (Gfotos, GDrive, etc.), pero tamén hai outras plataformas como Yahoo ou Hotmail, entre outras, onde tamén poderías abrila. O importante é que necesitas unha conta coa túa identificación clara para a túa vida académica.
“Quen será amaislistadaclase@gmail.com?” “De quen será o traballo “exercicios de mates” e de que exercicios se trata?” Estas dúbidas xorden moitas veces ao recibir os correos electrónicos.
Esta nova infografía de Alexandra Cabana Outeiro e Anxos Romeo Barreiro achéganos cuestións básicas á hora de mandar unha tarefa por correo electrónico (ou outra plataforma) e asegurar que chegue ben e non haxa dúbidas na súa correcta identificación.