HISTORIAS CATIVAS de ROSA ANEIROS.
AG.- A nosa querida escritora Rosa Aneiros desenvolveu estes días unha iniciativa de lectura e escritura nas redes sociais (en Facebook e Twitter) co cancelo #historiascativas e, amablemente, quixo compartila con todos e todas nós.
Podedes coñecer máis datos sobre a obra da autora no seu artigo da Galipedia:
Esta práctica solidaria son, en palabras da autora, “#historiascativas nas que dialogo con personaxes de obras escritas e as sitúo en confinamento. Están subidas tamén en pdf e talvez poidan servir a alguén como material educativo xa que dialogo con obras de infantil e xuvenil que moitas leron e á rapazada tenlle a súa graza por falar do momento de actualidade inmediata.”
“As Historias cativas. Son sete días e sete historias cativas polo tamaño e ambición, pero tamén pola súa natureza confinada. Trátase dun xogo no que dialogo con personaxes das miñas obras e os sitúo nun contexto de confinamento. Que lle acontecería a Eusebio e Patricia de Ás de bolboreta se o covid-19 os confinase xuntos? Como afrontaría Edelmira de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea a distancia con Edelmiro? Que podería sucederlle á nai de Noelia e Miguel de A batalla da pequena Chañán Curi Coca cando baixa mercar o pan? Cal sería a conversa de Elba, a protagonista de “Deixando” sitio de Corazóns amolecidos en salitre co seu fillo Rodri?”
Podedes acceder ás publicacións en Facebook clicando na seguinte ligazón: HISTORIAS CATIVAS.
Recuperamos a través de #historiascativas marabillosas lecturas da autora que nos fan gozar e relamber con estes doces textos. Axudan tamén a recuperar do andel da nosa biblioteca esas novelas que nos acompañaron, que compartimos nos clubs de lectura cando podiamos vernos e falar cara a cara, e a relelas, volver pasar as súas páxinas e perdernos na dozura da súa prosa.
Recomendámosvos estes “7 días escrita/7 historias/7 publicacións”, 7 alfaias que iremos degustando en entradas individuais; de seguro que estades desexando acompañarnos nesta viaxe pola escrita solidaria de Rosa Aneiros, polos seus diálogos que nos achegan á reflexión, aos sentimentos encontrados en tempos de confinamento e de incertezas.
Nos perdades as nosas futuras entradas nas que imos falar destas conversas, coas que coñeceremos máis sobre as obras da escritora nas que se basean e arredor das que vos proporemos actividades.
Grazas mil por compartilo con nós, Rosa Aneiros.