A chave do futuro na agricultura do pasado

AG.- No primeiro post animámosvos a reflexionar sobre as vantaxes da domesticación dos vexetais. Agora preguntamos : Por que serán interesantes  as variedades tradicionais e os exemplares silvestres das nosas plantas cultivadas?

Porque son un tesouro que debemos preservar. Estas plantas conteñen unha importante diversidade xenética  que pode ser aproveitada para conferir ás variedades de cultivo unha maior resistencia fronte a pragas, enfermidades e fronte a outros estreses abióticos como a escaseza de auga ou o frío.

Nos parentes silvestres dos nosos cultivos agóchase a chave da produtividade e a resiliencia da agricultura do futuro que se desenvolverá nun contexto de cambio climático.

Por iso a comunidade científica, cando fala destes vexetais antigos ou silvestres, se refire a eles como “recursos fitoxenéticos”, porque son un recurso moi valioso e unha fonte de biodiversidade. Traballan na súa conservación e estudo nos denominados bancos de xermoplasma. 

Na Misión Bioloxíca de Galicia-CSIC, existen diferentes bancos de xermoplasma dedicados a varios cultivos de grande importancia en Galicia. Existen bancos de sementes que conservan variedades e tamén algúns antepasados silvestres do millo (Zea mays), dos legumes (feixón, Phaseolus vulgaris, e chícharos  Pisum sativum, principalmente) e de diferentes brásicas (Brassica oleracea que inclúe ás verzas e o repolo,  B. rapa que son os nabos, nabizas e grelos e tamén B. napus  que é o nabicol).

 Pero ademais destes bancos de sementes, na Misión Biolóxica de Galicia existe un banco de xermoplasma no que se conservan máis de 50 variedades de vide autóctona do Noroeste da Península Ibérica. (E digo xermoplasma e non sementes, porque a vide cultivada non se propaga por sementes, senón que se utiliza a propagación vexetativa (xeralmente o estaquillado ou o enxerto) e, debido a isto, a biodiversidade deste cultivo debe ser conservada en coleccións de exemplares vivos, en pleno campo.

Mediante os traballos científicos de caracterización e conservación deste material vexetal asegurámonos de que estas variedades de vide non desaparezan, e poidan estar dispoñibles para que quizais no futuro se empreguen como fonte de recursos xenéticos para mellorar as colleitas ou loitar contra estreses bióticos e abióticos. 

A perda de biodiversidade agrícola, isto é, a desaparición de especies e variedades cultivadas, non ten un impacto directo nas nosas vidas, moitas variedades de diferentes plantas deixan de cultivarse cada ano pero nós seguimos tendo alimentos nos mercados. Non obstante, é importante que comprendamos que esta biodiversidade é crucial para salvagardar a seguridade alimentaria no mundo.  As nosas plantas cultivadas teñen un pasado, e é importante que a comunidade científica dedique recursos para protexelo, porque nel se podería atopar unha das chaves da agricultura do futuro.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *