Conferencias sobre as fontes orais e a Historia

AG.- Durante este estraño ano escolar, o alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato do IES de Mos estivo traballando as fontes orais. Elixiron un tema que investigar, elaboraron un guión de entrevista, entrevistaron unha ou máis persoas, transcribiron a entrevista, seleccionaron e analizaron o contido, consultaron outras fontes e, finalmente, redactaron un ensaio histórico.

En tempo de confinamento, o proxecto continúa cun ciclo de conferencias para reflexionar sobre o papel das fontes orais na elaboración da Historia. As charlas podédelas seguir en directo na canle de Youtube de “historiasdepaulo”. Serán un total de tres conferencias:

Mércores, 20 de maio, ás 18:00 h: “Investigación histórica e fontes orais: unha reflexión”. Daniel Lanero, profesor de Historia da USC falaranos dos seus traballos sobre o franquismo e a transición no mundo rural galego e o uso que fai das fontes orais.

Mércores, 27 de maio, ás 18:00 h: “A represión no franquismo: Historia e fontes orais”. Xoán Carlos Abad (profesor de Historia e Presidente do Instituto de Estudos Vigueses) e Ana Aller (Presidenta da Comisión de Familiares da Memoria Histórica de Mos) falarannos do papel das testemuñas destes episodios para o seu estudo e difusión.

Luns, 1 de xuño, ás 18:00 h: “A memoria oral no IES de Mos”. Alumando de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Mos presentará os traballos realizados no marco das clases de Historia.

Convidámosvos a seguir as conferencias e acompañalas desta proposta de actividades:

1. Formula unha pregunta a través do chat de Youtube en cada unha das charlas.

2. Agora que estás na casa, fai unha proba de como a memoria non é o mesmo que a Historia. Un sinxelo experimento práctico: realiza unha mesma pregunta sobre un episodio que acontecera no teu ámbito doméstico a varios membros da túa familia e compara as versións. Por exemplo, se os teus avós emigraron pregúntalles, por separado, sobre a súa experiencia. Contan a mesma versión da súa vida?

3. Na terceira das conferencias o alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato do IES de Mos vai presentar uha serie de traballos confeccionados en base a entrevistas. Escoita con atención. Poderías ti deseñar un traballo de investigación? Elixe un tema, elabora un índice, escribe un guión de entrevista e ponte en marcha. Nesta entrada de Aulas Galegas tes máis pistas para trazar un camiño certo no traballo de investigación.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará