“A pel do mundo” de Berta Dávila.
AG.- (A nosa compañeira, Mercedes Queixas, comparte con nós esta colaboración arredor dun poema da poeta e narradora Berta Dávila. )
Agora que é primavera e os días comezan a roubarlle horas á escuridade dona do inverno, préstanos máis que nunca saír e viaxar.
Din que os libros son como viaxes e, aínda que pode ser un exemplo dunha boa metáfora, o certo é que si o son.
Unha proba? Moitas!
Podedes viaxar por terra (O misterio da casa do pombal, de Fina Casalderrey), por mar (20.000 leguas de viaxe baixo os mares, de Jules Verne) ou por aire (Cos pés no aire, de Agustín Fernández Paz).
Para cada viaxe non hai límite nin de tempo, nin de espazo, nin tampouco posibilidade de esgotar o combustíbel nin pagar peaxes.
Outra proba?
Pois velaquí está. Imos viaxar con este poema de Berta Dávila, incluído nun auténtico libro de viaxes ao redor do mundo, nin máis nin menos que ao Xapón, un país que revive na natureza espléndida e vizosa da floración das súas cerdeiras, alí chamadas sakura.
Despois da lectura deste fermoso poema, abraiaríaste ao descubrir por que esta árbore é un dos símbolos do Xapón e que adoita facer neste tempo a sociedade xaponesa.
Contade, contade…
AKANE
É unha nena do Xapón,
fermosa
como os cumios nevados
do monte Fuji,
unha illa de pel clara
que esvara pola rúa
como as carpas vermellas
nos estanques,
unha flor delicada
de cerdeira
capaz de voar lonxe
como un papaventos nun día claro.
E por iso seus pais
poucas veces a apertan.
Nunca se atreven
por medo a rompela.