Xogos de mesa para o confinamento: A NOITE DO MEIGALLO

AG.- Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa.

Así comeza a presentación de «A noite do meigallo», un xogo de mesa 100% galego e en galego que non debería faltar en escolas e fogares con pequenos. Cun funcionamento semellante ao do xogo da oca, os participantes avanzan os seus peóns ao longo do percorrido en función das tiradas dun dado. Mais o obxectivo non é chegar antes á meta, senón ir resolvendo oralmente as adiviñas que che presentan os compañeiros segundo vaias caendo en diferentes recadros. Por exemplo:

Adiviña isto que aquí se presenta

que cousa cousiña será

que non se pode tocar coa man esquerda?

Cada vez que solucionas tres, xuntas un ingrediente para unha apócema máxica: unha á de morcego, un botón de mandilón, un cogomelo do país dos trasnos, a mazá de Brancaneves… E con tres ingredientes distintos xa podes preparar a túa apócema cun conxuro rimado.

Un xogo ideal para potenciar a comunicación oral, a comprensión lectora e a capacidade de razoamento e reflexión. E, sobre todo, para pasar unha horiña ben divertida a base de adiviñas e conxuros. Parabéns a xente de Brazolinda!


2 comentarios en «Xogos de mesa para o confinamento: A NOITE DO MEIGALLO»

  • 23 Xaneiro 2022 ás 20:57
    Ligazón permanente

    Me regalaron este juego y perdimos las instrucciones y que saber si la podías enviar gracias

    Resposta
    • 13 Febreiro 2022 ás 16:15
      Ligazón permanente

      Para iso tes que poñerte en contacto coa empresa, tes a ligazón na entrada. Saúdos.

      Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *