Compoñentes químicos da vida
AG.- Os seres vivos están formados por materia orgánica e inorgánica. A materia orgánica é sintetizada polos seres vivos, mentres que a materia inorgánica que precisamos existe no medio en maior ou menor abundancia sen necesidade da actividade vital actual. A materia orgánica está formada por moléculas que poden chegar a ser moi complexas grazas á capacidade do átomo de carbono para formar cadeas e ciclos, e que se clasifican en catro grandes grupos de moléculas. Estes grupos son os glícidos, os lípidos, as proteínas e os ácidos nucleicos.
A vida maniféstase en organismos con aparencias tan diversas como unha bacteria, unha alga, unha árbore, un champiñón, unha lesma, unha xoaniña, un lagarto, un morcego ou un primate. Porén, compartimos unha base química común, incluíndo o que se refire aos catro grupos de moléculas orgánicas que vimos de sinalar, e que cumpren funcións comúns nos seres vivos. Isto constitúe unha evidencia de que a evolución biolóxica se produciu a partir dunha orixe común.
Existen tamén múltiples evidencias de que a vida xurdiu na auga. Os seres vivos, incluídos xaora os terrestres, continuamos a estar compostos de auga nunha elevadísima porcentaxe e o fenómeno da fecundación ten lugar en medio acuoso. A auga e os sales minerais seguen daquela a formar unha parte proporcionalmente importantísima da nosa composición, se ben son as moléculas orgánicas as que nos confiren as propiedades de seres vivos, pois son as súas propiedades as que nos dan capacidade de realizar as funcións vitais.
- Bioelementos: son os elementos que forman parte dos seres vivos. Moitos elementos da táboa periódica están presentes en seres vivos, mais hai relativamente poucos que supoñen unha porcentaxe moi alta da composición de calquera ser vivo ou que son esenciais, mesmo que sexa en cantidades moi pequenas, para o funcionamento de organismos. É por iso que, de contado, centramos a nosa atención nos chamados bioelementos primarios e secundarios e aínda nos chamados oligoelementos, tamén chamados elementos traza.
- Os bioelementos primarios constitúen arredor do 98% dun ser vivo e son: C, O, H, N, S, P.
- Os bioelementos secundarios constitúen case o total do restante 2% en calquera ser vivo e son: Ca, K, Na, Mg, Cl.
- Hai aínda un grupo de oligoelementos ou elementos traza, que son necesarios en moi pequenas cantidades que non necesariamente están presentes en todos os seres vivos. Son: Fe, Si, Ni, Co, Cu, Cr, Mn, B, F, I.
- Algúns dos bioelementos son abundantes na codia terrestre. É o caso do O, Na, K, Ca e Mg, mais outros, son moito máis escasos, como é o caso de C, P e S. Existen tamén elementos abundantes na codia terrestre que non se atopan en grandes cantidades nos seres vivos: Si, Al e Fe. En xeral, non é apenas a dispoñibilidade dos elementos no medio físico, mais sobre todo as súas propiedades, o que causa a súa abundancia na composición dos seres vivos.
- Propiedades dos bioelementos: algunhas das máis importantes propiedades xerais nos bioelementos son as seguintes:
- Forman con facilidade enlaces covalentes, que se forman de xeito que os núcleos dos átomos que participan comparten electróns da zona máis externa dos seus orbitais electrónicos atómicos.
- A miúdo teñen varias valencias, de xeito que poden combinarse entre eles de mútiples xeitos.
- Son xeralmente de masas atómicas relativamente baixas, o que redunda na estabilidade dos compostos que forman.
- Un caso estruturalmente importante no que atinxe ás propiedades dos bioelementos é o do carbono, C, que non só ten as características anteriores (masa molecular baixa e varias valencias que lle permiten formar con facilidade enlaces covalentes moi diversos) senón que pode formar con facilidade enlaces consigo mesmo cadeas de lonxitudes moi variábeis, con ou sen ramificacións. Esta propiedade é de crucial importancia porque estas cadeas serven virtualmente de estrutura básica sobre a que se poden situar diversos grupos funcionais (pequenos grupos de átomos con funcións específicas). Amais, os enlaces entre carbonos poden ser simples ou múltiples (compartindo ou ou máis pares de electróns, respectivamente).
- Como exemplo de que cada bioelemento ten propiedades particulares que condicionan a necesidade da súa presenza nos seres vivos podemos profundar un pouco no caso do ferro, Fe, que como sabemos por experiencia directa tende a enferruxarse, é dicir, combínase co osíxeno con facilidade. Esta propiedade é moi útil para nós, que o usamos precisamente para transportar osíxeno no sangue, como parte da hemoglobina. Aínda que no que se refire á súa abundancia é só un elemento traza, a falta de ferro produce anemia e eventualmente a morte.
ACTIVIDADES
- Nunha táboa periódica (por exemplo a que che proporcionamos anexa), colorea o fondo dos cadros dos bioelementos, empregando cores diferentes para cada un dos tres tipos. Tenta relacionar o resultado con algunhas das propiedades dos bioelementos que se indican no texto.
- No texto menciónase que a proporción dos elementos nos seres vivos non se corresponde coa da codia terrestre, o que evidencia que os elementos forman parte dos seres vivos en proporcións que se corresponden coas súas propiedades e non coa súa dispoñibilidade. Será que se consideramos a atmosfera, o argumento segue a ser válido? Que elementos son escasos tanto na codia como na atmosfera terrestres e porén moi abundantes nos seres vivos?
- Na cuestión anterior teraste decatado de que o nitróxeno, N, é moi abundante na atmosfera. Porén, é un dos elementos que podemos considerar de baixa dispoñibilidade na nosa contorna. Sabes por que?
- Podes verificar as túas respostas nas Solucións.
CURRICULO: Bioloxía 2º Bacharelato ( Bloque 1. A base molecular e fisicoquímica da vida).
PROPOSTA REALIZADA POR: José María Álvarez-Castro.
FONTES: O Portal da Lingua Galega.
Pingback: Enlaces químicos na materia orgánica - Aulas Galegas