Infinito

AG.- A profesora, Antía Marante, agasállanos un conto para Aulas Galegas, cheo de símbolos, esperanzas e sorrisos.

Infinito

“Gústanme os símbolos. Mellor dito, encántanme! Si, eses debuxiños que significan algo e que tes que descubrir que é. Cada vez que me aprenden un, debúxoo nunha páxina dun caderno que me trouxo a miña madriña dunha das súas viaxes. A verdade é que non sabía moi ben que facer con el porque era demasiado pequeno para facer debuxos pero demasiado grande para apuntar os nomes e as palabras que me gustan.

O primeiro que debuxei foi unha especie de ollo case pechado, como o que pon o meu gato cando lle aloumiño o lombo se vén onda min. Algo así:

Non foi moi difícil atopalo porque o copiei da portada do caderno. Alí pon que é unha palabra dunha lingua que falan en México e significa “estrela”.

De cada simboliño que me gusta fago o debuxo e apunto que quere dicir para non esquecelo. Así podo empregalo cando queira en mensaxes secretas cos meus curmáns. Non teño moitísimos aínda, non vaiades pensar… polo de agora teño tamén este que é moi sinxelo de facer e di algo moi importante:

E este, que me dixo meu pai que é algo que está no sal que botamos á comida:

Ou este, que é auga na cultura exipcia:

e estoutro que significa “e”:

Pero o meu favorito de todos os que debuxei é así:

Tróuxomo o meu amigo Afonso de Irlanda e representa o tempo. Así me dixo.

O último símbolo que debuxei non é gran cousa e ademais non volo entendo ben:

Chegou a min na clase de mate e é algo así como un lazo ou un macarrón para a ensalada de pasta. Agora que o penso, mellor dito é un anteface de superheroína viaxeira… o que a min me gustaría ser un pouquiño cada día.

Pero sabedes que? Despois destes días sen saír da casa fun véndoo máis claro!

Infinitos son os sorrisos porque, nestes semanas raras, cando saímos á ventá a saudar a veciñas e veciños, see me sorrín, eu sorrío e da miña cara o sorriso salta a outra cara, e desa a outra, e así, sen pausa, ata saír do noso edificio e chegar a quen lle faga falta botar unha boa risada…

Así o entendín eu, non sei. E agora que o penso, tamén é infinito o meu gusto polos biscoitos. Cando rematamos un xa estou pensando en cando acenderán o forno para facer o seguinte!

Por iso se atopades algún símbolo, mandádemo. Calquera que vos chame a atención e eu non teña. Faríame unha ilusión infinita completar pronto o caderniño da madriña”.

E vós, que símbolos coñecedes? E, por outra banda, tendes símbolos secretos? Queridos, amados, odiados, misteriosos, quizais? Seguídeos anotando no voso propio caderno e inventade unha linguaxe propia. En cales vos poderiades inspirar? Para que vos sería útil esa linguaxe de voso?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *