Un mes de refráns debuxados

“Estás na horta e non ves as verzas”

“Será meu herdeiro quen me limpe o traseiro”

“A formiga foi mexar ao mar e dixo que era unha axuda”

“A quen come pan, migallas lle quedarán”

AG.- Necesitamos os refráns porque reflicten o que somos. En galego, temos un para case cada momento e cada aspecto da nosa vida. Estes ditos conéctannos con coñecemento que transcende as persoas e as épocas porque “Non hai refrán vello que non sexa verdadeiro”.

Ademais, os refráns son coma pos pica-pica, como petiscos crocantes que che permiten xogar coa lingua, coa súa sonoridade e coa metáfora que adoita haber detrás. É marabilloso, porque o mesmo refrán pode variar dependendo da zona onde o escoites. 

Convidámoste a un xogo que vai pór en marcha a túa creatividade e nos vai conectar a través destes refráns e as imaxes que evoquen en nós.

Anímaste a coller o(s) teu(s) lapis, acuarelas ou tableta?

Cada día, en Aulas Galegas e desde o perfil de Twitter e Instagram de Galiza visual proporémosche o reto de representar un refrán.

Tamén podes perguntar na túa casa a ver se descobres algún. Logo, fai un debuxo ou unha colaxe, mestura imaxe e palabras ou o que queiras. Unha vez que o teñas feito, convidámoste a compartir as túas creacións nas redes sociais cos cancelos #debuxaunrefran (galego), #seanfhaclanbeo (gaélico) e #picsnproverbs (inglés)! Con eses mesmos cancelos tamén poderás ir vendo o que crean outras persoas.

Lembra que tamén podes atopar moitos máis refráns no Refraneiro galego, no Dicionario de dicionarios, ou na páxina de Orella pendella.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *