Galiza Visual

Imaxe debuxada por David G. Gándara

AG.- Galicia visual (@GZvisual) é  un grupo integrado por 9 docentes galegos de varias materias e niveis educativos (infantil, primaria, secundaria, FP e EOI) que tenta achegarlle ao noso alumnado as estratexias do pensamento visual. Sería estupendo que máis docentes doutras materias se unisen a esta comunidade de práctica baseada na investigación, a exploración e a aprendizaxe conxunta. Se así o desexades, podedes contactar connosco no enderezo galiza.visual@gmail.com. 

QUEN SOMOS?

Isabel Barcón

(@Isabelbms en Twitter; @galegodosarmiento en Instagram) é docente de lingua galega e emprega apuntamentos visuais tanto analóxicos como dixitais cos seus grupos de 1º da ESO e PMAR, pero tamén para dinamizar a biblioteca ou resumir claustros.

María Blanco

(@profadelingua en Twitter e Instagram) é profesora de Lingua e literatura galega que traballa os mapas conceptuais (analóxicos e dixitais) na aula, por seren unha ferramenta de análise e transformación da información moi interesante para organizar o pensamento e asentar os coñecementos. Unha actividade na que os emprega o alumnado, por exemplo, é durante as exposicións orais doutra compañeira ou compañeiro, como forma de sintetizar o contido que lle resultou máis interesante, como guión previo ás exposicións etc. Agora toca perder o medo a debuxar e dar o salto aos apuntamentos visuais.

Mónica Fernández

(@mflmonica en Twitter e @terteres_estudio en Instagram) nada en Monforte de Lemos, estudou Física en Santiago e logo Belas Artes en Pontevedra. É profe de secundaria e apaixonada da arte, a ciencia, a filosofía e a xustiza. Ademais, ten un estudo de deseño, Terteres Estudo. Prende coma as silvas en todo o que lle resulta interesante.

David G. Gándara

(@mr_rookes en Twitter) é orientador e desde sempre o debuxo aparece en todo o que fai: nas aulas para clarificarlle conceptos ao alumnado, en artigos para complementar o texto, como guión en presentacións en público ou para decorar materiais de clase e páxinas web entre outras.

Francisco Jaureguizar

(@JaureguizarF en Twitter; @ensinanzavisual en Instagram) é profesor de Debuxo, polo que a ferramenta que emprega para traballar co seu alumnado de secundaria é a linguaxe visual. Elabora mapas visuais para organizar as súas clases, fai apuntamentos visuais para resumir libros, artigos ou charlas, e no seu tempo libre leva consigo un caderno para practicar o urban sketch.

Diana Pastoriza

(@diana_pastoriza en Twitter e Instagram) é docente de inglés na Escola Oficial de Idiomas, pero agora traballa fóra da aula. Aínda que non sabe debuxar, emprega os apuntamentos visuais para resumir conferencias, relatorios, procedementos ou proxectos; así como para facilitar o labor de interpretación entre linguas. As súas ferramentas favoritas? Cadernos e bolígrafos e, na tableta,  Sketchbook e Procreate.

Olga Patiño

(@nasas09 en Twitter) é mestra de primaria. Incorpora os apuntamentos visuais na súa aula de primaria para traballar rutinas de pensamento, conceptos clave e ortografía, o razoamento matemático, a atención e a memoria e a elaboración de mapas mentais. Considérao unha ferramenta clave para traballar a inclusión e crear grupo entre o alumnado. En calquera momento do día tira do seu caderno para crear os seus apuntamentos visuais. 

María Pereiro

(@mapereiro en Twitter e Instagram), profesora de Formación e Orientación Laboral en FP, non só emprega os apuntamentos visuais para representar ideas ou procedementos laborais máis complexos, senón que tamén axuda o seu alumnado a empregalos para comprobar a comprensión de conceptos, apoiar presentacións orais na aula ou deseñar a presentación de produtos. 

María Souto

(@mariketena en Twitter e Instagram) mestra de Educación Física, emprega apuntamentos visuais desde cativa para estudar, facer resumos, listaxes e sobre todo para organizar as ideas de xeito gráfico. A súa área de ensino ten moita tradición de esquematizar exercicios e xogos a través do debuxo, facilitando así a súa comprensión. Estas son algunhas das razóns que a levan a querer ampliar a fronteira do visual thinking a outras áreas e contextos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *