VISORES VECTORIAIS 360X360
AG.- Un recurso de Xabier Lorenzo para o alumnado de Debuxo Técnico.
Hoxe presentamos un recurso interactivo de gran utilidade para o alumnado de Debuxo Técnico, en concreto no apoio ao estudo da xeometría descritiva: os visores vectoriais 360×360.
Estes visores son unhas pequenas aplicacións que nos permiten representar e visualizar figuras volumétricas e observalas dende calquera posición.
Dispoñemos de dous visores:
Como trazamos un segmento
Empecemos polo máis simple. Supoñamos que queremos trazar un segmento. Deberemos introducir as coordenadas dos seu extremos e premer en “Trazar liña”
Exemplo: (-5,5,-3),(5,5,-3)
Como trazamos unha liña poligonal
Fagamos agora algo máis complexo: unha verdadeira liña poligonal. Deberemos introducir as coordenadas de todos ou seus vértices dun modo ordenado.
Exemplo: (-5,5,-3),(5,5,-3),(5,-5,-3),(-5,-5,-3)
Se queremos facer unha liña poligonal pechada deberemos repetir a primeira das coordenadas no final da secuencia de vértices.
Exemplo: (-5,5,-3),(5,5,-3),(5,-5,-3),(-5,-5,-3),(-5,5,-3)
Como construímos un poliedro
Imaxinemos agora que queremos construír un poliedro calquera, por exemplo unha pirámide de base cuadrangular. Como non é posible facelo cunha única liña poligonal sen superpoñer segmentos, descompoñeremos a nosa figura en diferentes liñas poligonais. Existen infinidade de modos de facelo. Elixiremos unha descomposición que nos resulte cómoda para traballar.
Para unha pirámide de vértices (-5,5,-3), (5,5,-3), (5,-5,-3), (-5,-5,-3) e (0,0,4) a descomposición podería ser a seguinte:
Liña poligonal nº 1: (-5,5,-3),(5,5,-3),(5,-5,-3),(-5,-5,-3),(-5,5,-3)
Liña poligonal nº 2: (-5,5,-3),(0,0,4),(5,5,-3)
Liña poligonal nº 3: (5,-5,-3),(0,0,4),(-5,-5,-3)
Como xiramos as figuras
Unha vez creadas as figuras poderemos xiralas en todas direccións coas teclas WASD
Algunhas cuestións técnicas
Como xa vimos nos exemplos, é posible introducir valores positivos e negativos. Tamén é posible introducir valores decimais, sempre con punto.
Exemplo: (5.75,-5,-3.253),(0,0,4.8),(-5.75,-5,-3.253)
Se nos resultase máis cómodo podemos eliminar a coma entre os diferentes vértices.
Exemplo: (-5,5,-3)(5,5,-3)(5,-5,-3)(-5,-5,-3)(-5,5,-3)
A rotación das figuras se realiza en torno ao punto (0,0,0), polo que é recomendable situar o centro xeométrico das nosas figuras nese punto.
Unha última recomendación
Pode ser de moita axuda realizar bosquexos previos en papel das nosas figuras e facer apuntamentos a man das coordenadas e das posibles liñas poligonais.