Teresa Ramiro: coiteladas de vida, coiteladas de sal
AG.- A nosa colaboradora Olga Rodríguez, directora do CEIP Milladoiro de Malpica, traénos un texto de Teresa Ramiro e a partir del unha atractiva proposta para seguir avanzando no voso “caderno de confinamento”. Velaquí a deixamos!
O Borrazás é un local mítico na vida cultural da cidade da Coruña.
Unha das súas actividades periódicas son os Xoves Culturais aos que convidan diferentes creadores co fin de que compartan e divulguen o seu traballo. O que vÉn sendo: un lugar de reunión de persoas que comparten inquedanzas culturais, cafés… e ganas de estar xuntos.
A este convite acudIu a poeta Teresa Ramiro e imos deixar que sexa ela quen fale:
“… fixei a vista neste vello espello (xa me transmitira algo as outras veces nas que teño estado alÍ) pero ese día, en concreto, foi como un relampo. Collín o móbil e fotografeino. Ao chegar á casa escribín este poema.
Neste café , Lois Pereiro pasou moitos días e moitas horas (…) de aí os versos que fan referencia á subversión , ao mármore das mesas …o bar ten as paredes de pedra, a pedra garda a memoria ….nunha desas paredes loce unha humilde foto de Lois ….”
CAFÉ BORRAZÁS
Un reloxo parado no tempo
mantén o equilibrio constante
con as cicatrices do espello
que cuspen versos enrolados
en salitre orzánico
Pedra espida que mastigas sen pudor
a ingratitude do tempo
para encher de arrecifes a memoria
Clepsidra de subversión e rebeldia
Teresa creou o poema partindo do bar, un recordo e un espello… e a emoción que a ela lle provocou a mestura.
Que binomio se che ocurre? Con ese mesmo ou con outras palabras….
A proposta de hoxe é que xogues coas palabras, que botes a voar a imaxinación e/ou rescates algún recordo e anotes un poema no teu Caderno de confinamento.
Ah! Que aínda non comezaches un?
Pois… pénsao.
Sobre a autora:
Teresa Ramiro (Vilaboa, 1958) poeta e mariscadora, publicou o seu primeiro poemario Fundido a negro coa Ed. Caldeirón (2019)