Vivir na poesía: Luz Pozo Garza
AG.- Texto de Mercedes Queixas Zas
A memoria persoal e íntima de case un século de vida vaise hoxe xunto ao nome de Luz Pozo Garza. Mais fica en nós a memoria perenne tatuada en miles de versos rexistrados en algo máis de vinte volumes propios e infinitas colaboracións en obras colectivas.
Entre 1952 e 2019 a poesía converteuse no persoal camiñar dunha poeta candidata ao Nóbel a proposta da AELG. “Sen poesía non podería vivir”. E da poesía fixo Luz o seu enlace co tempo, co mundo e cos seus.
Na casa familiar de Ribadeo naceu Luz Pozo Garza á poesía e Rosalía de Castro, foi das primeiras voces líricas que lle falaron a través da voz da nai. “Rosalía é a nosa alma mater”, afirmaba como rosaliana maior. Tamén os poemas de Curros Enríquez, poeta admirado polo pai, pousaban na memoria da nena Luz. Dúas voces poderosas que alentaron a muller poeta a escribir en galego, cando non era esta a súa lingua inicial.
Ribadeo foi o seu berce literario, o lugar que o pasado mes de xaneiro a recoñeceu como Filla Predilecta, a terra á que sempre volver para se encontrar, asemade, co monólito que a lembra como Socia de Honra desde aquela homenaxe da AELG coa entrega da Letra E en 2001.
Luz Pozo Garza quebrou normas e modelos. Muller culta, non se deixou anular en tempos grises, tamén non se deixou arremedar por convencións estéticas nin renunciou a ser unha voz pública feminina, pensadora e activa.
A voz poética da posguerra inaugúrase en galego co poemario O paxaro na boca (1952) e conclúe en 2019 con Pazo de Tor.
Entre ambas, a voz poética medra sen medo, con atrevemento, explorando cun sorriso aberto as temáticas inauditas. Con Luz fala a soidade, o desamor, mais tamén a liberdade, o amor, a sensualidade, a plenitude vital, a transcendencia e o misticismo.
Amei os días indecisos. Había un río inmóbil.
Aínda ausencia implacable escribía
nunha letra miúda a nosa historia
e pechamos nun códice as derradeiras páxinas
do amor. Opera ominia.
Códice calixtino (1986)
*A fotografía do arquivo do Centro de documentación da AELG.