Como ver o invisible II : lentes para ver a materia escura

AG.- Segues metido no misterio de como pretendo ensinarche o invisible?  Vou usar lentes para que poidas ver. Que pasa cando ves unha imaxe a través dunha lente? A lente distorsiona a imaxe, ás veces faina parecer máis grande ou pequena, outras veces estira a imaxe nunha certa dirección. Se observamos unha galaxia moi lonxe, a materia escura que está entre nós e a galaxia distorsiona a imaxe que vemos, igual que farían unhas lentes de tamaño cósmico.

Polo tanto, a pesar de que non podemos ver a materia escura directamente, podemos vela indirectamente, a través deste ‘efecto lente’ , ilustrado na figura 2.

Figura 2: Ilustración do ‘efecto lente’. Na esquerda vemos como funciona unha lente de verdade, como as que usamos no día a día, cambiando o camiño que segue a luz de camiño aos nosos ollos e desta forma distorsionando a imaxe. Na dereita vemos como a materia escura fai o mesmo con imaxes de galaxias, distorsionándoas no seu camiño cara ao telescopio.

Imaxe: Hubble Space Telescope, https://hubblesite.org/

Porén, hai outro problema. Se as galaxias foran esferas perfectas, coma un balón de fútbol, sería moi fácil saber como de distorsionadas están. Pero en realidade, a maioría das galaxias son elípticas, coma un ovo. Polo tanto, cando usamos un telescopio e vemos unha galaxia que parece estar ‘estirada’, é imposible saber se está estirada porque a estamos a mirar a través dunha lente de materia escura ou porque esa é a súa forma real.

Como podemos saber a súa forma? Na próxima semana resolvemos o misterio.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *