Como ver o invisible I

AG.- Seguro que algunha vez escoitaches falar da materia escura. Talvez  escoitaras que só sabemos de que está feito aproximadamente un cinco por cento do Universo, e que miraras algunha gráfica como a da figura 1, que amosa a nosa ignorancia sobre o outro 95%.

E verdade: a maioría do Universo confórmano cousas que non coñecemos nin entendemos. E, se o pensas ben, ten moito sentido. Estámolo a observar dende un pequeno planeta que dá voltas ao redor dunha pequena estrela, a cal, á vez, dá voltas dentro dunha Galaxia que se move entre outros millóns de galaxias. Non podemos queixarnos de que dende o noso planeta só teñamos acceso a unha pequena fracción dos compoñentes do cosmos!

Figura 1: Esta figura representa os distintos compoñentes do Universo. En azul clara están os átomos, como os que forman todos os elementos que coñecemos. En verde está a materia escura e, en azul, a enerxía escura. Non sabemos en que consisten ningún dos dous.

Fonte da imaxe: https://wmap.gsfc.nasa.gov/universe/uni_matter.html

Pero se algunha vez escoitaches todo isto, e se tes unha mente curiosa, é posible que pensaras: Como sabemos de que está feito o Universo? De onde saen eses números? Acaso os científicos inventamos ese 4.6% para que nos sigan pagando?

Evidentemente, non. Esas preguntas e outras similares son as que intenta responder o campo da Cosmoloxía. E se o que estás a pensar é que debe ser difícil responder esas preguntas, tes toda a razón.

De feito, é tan difícil que a Cosmoloxía  non existiu como disciplina científica ata hai un século, cando Einstein publicou a súa teoría da relatividade, que tiña como obxectivo describir as leis que rexen todo o cosmos. Dende entón, pouco a pouco, comezamos a descifrar o enigma das estrelas. Démonos conta de que moitos dos puntos brillantes que vemos pola noite non son estrelas, senón galaxias con centos de millóns de estrelas cada unha. Démonos conta de que, pouco a pouco, esas galaxias  estanse a afastar da nosa e que, dentro de millóns de anos, non poderemos velas. E démonos conta de que a maior parte da materia do Universo non se pode ver (de aí o nome ‘materia escura’).

E se estás pensando, mentres les isto, que é todo mentira, que soa a novela de ciencia ficción, na próxima semana vou tratar de convencerte de que a materia escura é real. Como vou facer iso? Do xeito máis eficaz posible: vouche ensinar a materia escura.

Como pretendo ensinarche o invisible? Terás que esperar á próxima semana. Mentres tanto, investiga.

Pablo Lemos. Postdoutorado en Cosmoloxia en University College London. Da Guarda (Baixo Miño)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *