Un poema inédito de Xosé Iglesias, poeta do mar

AG.- Da man da nosa compañeira Olga Rodríguez, directora do CEIP Milladoiro de Malpica, chega ata nós este poema inédito de Xosé Iglesias, agasallo do poeta para Aulas Galegas.

Ademais, Olga proponche que coñezas un pouco máis a obra, con sabor salgado, de Xosé Iglesias, porque os poetas tamén son modernos e teñen ata canles de Youtube. Queres descubrilo? Pois sigue lendo!

Na contorna do santuario da Virxe da Barca

Sempre teño mollados os pés

Engurrados de liñas abisais

De contornos de monstros mariños

Existe a piedade no meu interior?

Onde podo atopar a fin da apocalipse?

O meu irmá maior co traxe da primavera

A palabra final dun defunto

Curo as miñas feridas nas pedras

Pedras onde recollín o sedimento da orixe.

Só nelas podo pisar firmemente

e decir son eu

son eu.

Xosé Iglesias:  mariñeiro, poeta e… artista multidisciplinar. Ten publicado, de momento, dous poemarios en solitario Transfusión oceánica (A.C. Caldeiron, 2014) e A relixión do mar (Instituto de Estudos Miñoranos, 2016), ademais de ter participado en numerosas obras colectivas.

Os seus poemas son un debullar constante do mar que é, en realidade, o medio natural deste poeta.

É Xosé un home anfibio, o que non é estraño no panorama poético galego, no que abondan os homes e as mulleres do mar. Temos a Paco Souto, Teresa Ramiro, Serafín Mourelle, Alexandre Nerium, Manuel Antonio, Paio Gómez Chariño…

A proposta que hoxe che deixamos é esa: achégate á obra dalgún deles e enche de sal o corazón e o recordo. Agardamos que o descubrimento que fagas sexa gozoso!

Para seguir gozando da obra de Xosé , podes acceder aquí á súa canle en Youtube.

Asemade, todos os martes de madrugada, desde o mar, Xosé colabora con Marcial Mouzo na programación nocturna da Radio Galega. Estas colaboracións atoparalas no podcast do programa.


2 comentarios en «Un poema inédito de Xosé Iglesias, poeta do mar»

  • 16 Abril 2020 ás 18:02
    Ligazón permanente

    Xosé é o poeta do mar, como Manuel María era da terra. Coñezo a súa obra híbrida de natueza, mariñeiros … é pura poesía.
    (Son xente de mar, de Malpica, e bióloga)

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *