O cesto dos tesouros (0-3)

O CESTO DOS TESOUROS

AG.- O cesto dos tesouros é a mellor maneira de presentar mate­riais ás crianzas cando aínda non son quen de desprazarse por si mesmas. Tendemos a pensar que o xogo das crianzas de pou­cos meses é simple e que calquera xoguete será suficiente para entretelas. Porén, as crianzas abúrrense e necesitan materiais variados e de diversas características para afondar no seu traba­llo de exploración.

Cando é bo momento para preparar cestos de tesouros?

Entre os 6 e 12 meses. As condicións exactas pasan porque a crianza aca­de a posición sentada sen axuda e que aínda non se despra­ce nin gateando nin camiñando.

Nesta etapa na que aínda non poden desprazarse de forma au­tónoma, precisan cantidade de obxectos que estimulen os seus sentidos e aumenten a súa comprensión do mundo.

En que consiste?

O cesto de tesouros ofrece ao bebé as primeiras ocasións de tomar decisións por si mesmo. Elixir un obxec­to, comparalo con outros e desbotalo, xogar sempre co mes­mo ou cambiar constantemente para exploralos todos…

Serán as súas decisións e suporán unha aprendizaxe im­portante para a súa vida. Serán eleccións sinxelas e axei­tadas ao momento evolutivo no que se atope e á cantidade de información da que dispón.

 

 

 

 

Cal é o papel da persoa adulta?

Esta debe acompañar, non xogar con, NON dirixir, NON indicar…. Simplemente estar presente, acom­pañando e dando apoio emocional. Proporcionará unha contorna segura coa súa presenza, con xestos e miradas, e, se hai varias crianzas, poderá intervir e evitar conflitos que puidesen xurdir.

Dinámica e materiais

Para levar a cabo esta actividade necesitamos un cesto, fei­to de fibra natural -preferiblemente de vimbio-, redondo -duns 30cm de diámetro, 8-10cm de altura-, de base firme e sen asas. O propósito é que a crianza se poida “asomar” ao interior, apoiándose nel sen que o cesto envorque.

O material presentado debe ser sinxelo de agarrar, lixeiro e non demasiado pequeno.

O xogo co cesto dura o que a crianza decida, aínda que é habitual que non pase dos 30 minutos.

Suxestións de materiais

Incorporaremos obxectos capaces de espertar todos os sen­tidos. Tacto (textura, forma, peso), olfato (con variedade de cheiros), gusto (a mostra é máis limitada pero tamén po­sible), son (timbre, retintín, golpe seco, renxer), vista (cor, forma, lonxitude, brillo)

Os obxectos seleccionados para formar parte do cesto deben ser seguros. Hai que desbotar os que teñan cantos afiados e os que sexan tan pequenos que se poidan tragar. Polo demáis, nós marcamos os nosos límites. Se conside­ramos algún material potencialmente perigoso, simplemente desbotarémolo. Cómpre lembrar que a presenza da persoa adulta é imprescindible durante o tempo que dure o xogo.

Contido creado por  Gaia Ecocrianza

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *