Enigmas [I]: Que palabra é?

AG.- Para amantes dos enigmas, dá comezo aquí unha nova serie dedicada a eles. Xa sabedes, ese enredo consistente nun relato cunha incógnita final que cómpre resolver. Poden ser de moi diversos tipos: lingüísticos, de matemática recreativa, de lóxica dedutiva, de pensamento lateral… Todos eles foron publicados previamente en Xogos de Lingua. Uns son orixinais e outros foron tomados de diferentes fontes. A solución de cada enigma ofrecerase no seguinte da serie.
Aí vai o primeiro. A espremer os miolos!
Que palabra é?
Máxima Incógnita, experta en enigmística e xogos de palabras de sona internacional, faleceu de morte natural. O seu viúvo, Renato, aos poucos días de lle dar sepultura, decidiu poñer algo de orde nos papeis de Máxima, pois o certo é que a erudita era bastante desleixada.
Entre libros e cadernos, o home topou unha nota algo engurrada co seguinte texto:
Esta é unha palabra de 4 letras
que ten 3, decote leva 6,
raramente consta de 9 e
endexamais se escribe con 10.
Aínda que Renato era afeccionado aos enredos de enxeño, non daba descuberto de que palabra se trataba. Outros amigos tamén versados en enigmística intentaron, sen éxito, dar coa resposta. Finalmente, decidiron publicar a adiviña postuma de Máxima Incógnita na prestixiosa revista internacional de enigmística Sphinx Review. Hoxe a solución está aínda por aparecer.
Poderías ti atopala?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *