Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

AG.- Compendio imprescindible, polo completo e polo que de nós representa, sobre os xogos populares e tradicionais do país.

Estruturada claramente con diversas categorías: idade recomendada, tipoloxía do xogo, etc.

AGXPT

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional pretende, basicamente, unir esforzos para favorecer o desenvolvemento e a práctica dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos e, para logralo, contempla entre as súas liñas de actuación a creación dunha rede de información e de divulgación sobre as actividades lúdicas populares e tradicionais, a promoción e axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades de ámbito local ou comarcal con finalidades semellantes ás da AGXPT, a organización de encontros, conferencias, congresos e, en xeral, calquera tipo de actividades sobre o tema, a edición de boletíns, revistas e libros, utilizando os medios audiovisuais para a información e a formación, ou a promoción e o apoio de traballos de investigación orientados ao inventario ou á aplicación educativa, deportiva ou recreativa dos xogos e deportes tradicionais.

Mesmo antes de ter sido recoñecida oficialmente, a AGXPT iniciara xa as súas actividades coa posta en marcha dun servizo de divulgación dos xogos e deportes tradicionais dirixido a centros de ensino, asociacións de base, concellos ou comisións de festas. Trátase, co claro referente de entidades vascas que realizan un traballo semellante, de recuperar espazos e tempos nos que o patrimonio lúdico tradicional galego poida exercer o protagonismo do que sempre gozou.

A AGXPT está integrada na ASOCIACIÓN EUROPEA DE XOGOS E DEPORTES TRADICIONAIS, entidade constituída por todo tipo de colectivos do continente que contemplan entre os seus obxectivos a recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *