Seguimos co xogo e os bebés (0-3)

AG.- E cando comezamos a darlles materiais externos?

A partir dos tres meses (aprox) as crianzas comezan a descubrirse por si mesmas. Comezan polas súas mans, observan fascinadas o movemento sutil dos seus dedos, métenas na boca… Adoitamos pensar que esto é sinal de que os dentes empezan a asomar, pero o que está agromando é a capacidade do bebé de dirixir os seus movementos á súa vontade.

Falta pouco para que comecen a “querer coller”. Sabemos que as crianzas están preparadas para xogar con elementos externos a eles porque amosan interese polo que acontece arredor: miran na dirección de obxectos próximos, estiran a man ou o brazo, moven a cabeza… Empezan a agarrar todo que se lles poña por diante: un mechón de pelo, a nosa blusa, unha saba… o que pillen!  É o momento de presentarlles materiais doados de manipular e inofensivos.

Panos

De organza ou seda, de punto ou crochet, de punto ou de fío de algodón…. Os panos son elementos doados de manexar para as crianzas. As teas con certo volume son un magnífico primeiro xoguete. A pedagoxía Pikler recomenda panos con lunares. Os contrastes de cor fascinan as crianzas nestas idades. Un pano co tamaño duns 35cm*35cm será perfecto. E se vos gusta o ganchillo, podedes animarvos a tecer un. Os buratiños que quedan entre os puntos, funcionan ás veces como topiños dos que fala Pikler. O traballo manual está moi ben e, ademais, o xoguete gardará toda a vosa pegada emocional e afectiva. Empregade fío 100% algodón, sen blanquear ou tinguido con tintura de orixe vexetal.

Presentaremos o pano formando unha pequena montaña. Non llo poñemos na man, se non que o deixamos ao seu alcance.

Bolas: Pikler ou Montessori

Nos dous casos, son materiais axeitados para bebés a partir dos 3 ou 4 meses. Ambos materiais teñen  algúns trazos comúns: poden emitir son, rodan moi pouco, son doados de agarrar…

A pelota Pikler é unha bóla feita con filamentos de médula de xunco entrelazados. A forma na que está feita fai que sexa moi doada de asir. Só con meter un dedo xa a poden manipular e iso é algo realmente pracenteiro nesta etapa. É lixeira e resistente, pero tamén moi flexible. Esa flexibilidade é a que permite que se lle poidan meter ovos musicais (que entran pero non saen). É un material que evoluciona coas crianzas: poner teas no interior, xogar a lanzar…

A pelota Montessori está feita en algodón e chea de lá ou poliéster. Moi fácil tamén de agarrar, incorpora un axóuxere no interior.

Axóuxeres doados de agarrar

Lixeiros, de materiais naturais e cun son suave. Son moi recomendables os de bimbio ou os de tea. Os primeiros son artesanais e espertan un grande interese nas crianzas. Os segundos, que poden sen de punto de algodón ou crochet, teñen o engadido do gusto 😉 Encántalles chupalos e mesmo os hai que se coñecen como “pezóns de tea”

Contido creado por Gaia Ecocrianza


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *