Consellos para te divertir nun confinamento

AG.- Abúrreste estes días? Botas de menos os teus amigos e compañeiras para rir a gargalladas durante un bo anaco? Pois quizais este texto de El Hematocrítico pode facer que o leves un pouco mellor…

Ola, rapaces e rapazas! Como levades este asunto? Estades aburridos por ter que estar todo o día metidos na casa por culpa do famoso coronavirus? Non vos preocupedes. Eu levo dúas semanas completamente só na miña casa e xa desenvolvín unha colección estupenda de actividades para me divertir e non tolear. E van de marabilla! Querédelas anotar? Claro! Collede un papel e unha cenoria e apuntade :

  • Facede unha piscina! – nadar é un exercicio moi bo, ademais dunha cousa ben divertida. Pecha as portas do baño da casa, pon o tapón na bañeira e deixa que a auga bote por fóra. Enche ata que ti consideres e nada tranquilamente por todo o baño. Queres que sexa aínda máis divertido? Abre a porta do baño e deixate arrastrar pola onda ao corredor e ao salón, a onde a auga te leve. Que sorpresa!
  • Fai castelos de cristal – Colle todos os vasos e copas de casa e intenta facer unha torre altísima. Eu conseguín facer unha de quince andares antes de romper todo pola moqueta do salón… a ver se me superades!
  • Deixa de durmir – Total, perdes tempo de estar de xolda e non serve para nada. Podes pasar perfectamente sen durmir! Beeeeeeen! tirutirutirutirutirutiru
  • Xoga a esquivar a moqueta – Non se pode tocar a moqueta! Tes que ir choutando enriba dos mobles. Imaxina que a moqueta é de lava ou que está cheísima de cristais diminutos e afiados coma coitelos que non hai xeito de sacar.
  • Decora a túa casa – eu xa pintei todas as paredes e boa parte do mobiliario con rotuladores, e fixen unha exposición de esculturas feitas con peluxe do meu embigo no meu cuarto.
  • Le moito – Cando remates de ler todos os teus libros, por que non fas como fago eu e os volves ler do final ao principio? Ou facendo un pinchacarneiro! Ou ás escuras!
  • Ponlles música aos veciños – Organiza sesions de DJ de varias horas con música a todo volume coas fiestras ben abertas. Intenta que sexan variadas, con todo tipo de estilos musicais. Gaitas, guitarras eléctricas, ben de chunda chunda cañeiro. Proba a espertar os teus vecinos cun concerto de Metallica ás sete da mañá para darlles ese extra de enerxía que todos necesitamos.  Un pouco de reggaetón para queimar calorías antes de meternos na cama pode ser unha idea excelente
  • Sae aplaudir – Lembra saíraplaudir cada día ás oito para agradecer aos sanitarios. Pero por que non saes tamén para agradecer aos teus profes, aos teus pais, á natureza, as nubes, aos bombeiros, aos políticos, aos canguros… Son tan bonitos!
  • Descubre amigas e amigos agochados pola túa casa – Eu atopei dous monstros debaixo da miña cama. Un chámase Lanza e é malo e outro chámase Paquito e ten moitas patas para facerme cóxegas e é riquiñísimo. Discuten moito entre si e teño que meterme no medio, pero atoparlos foi toda una sorpresa. Remexe ben, que algo atoparás.
  • Fala con extraterrestres – A min comezou a me falar telepaticamente unha raza de seres invisibles que se comunican comigo desde o planeta XX-G4563 . Nomeáronme o seu embaixador e teño que procurarlles unha pista de aterraxe para que veñan coa súa nave nodriza , aínda que xa lles expliquei que teñen que esperar á fin do confinamento. Son estupendos, xa veredes que ben vos caen!

Espero que gocedes dos meus consellos e saibades divertirvos tanto coma min, para non caer na tolemia que pode aparecer por estar tantos días sen saír.

Asinado : El Hematocrítico. Mestre de Infantil e Primaria. Sagrado Embaixador dos XXdianos, presidente do goberno de España e tres veces campión de Operación Triunfo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *