DON RiDardo, o xogo!
AG.- Como ben sabedes, este ano o día das Letras Galegas está dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Apetécevos aprender máis cousiñas sobre esta figura?
DON RiDardo é un recurso educativo creado polo mestre David Rial en colaboración co Seminario Galán e o ilustrador Carlos Gallego, e que ten como obxectivo coñecer a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
A proposta consiste, en primeiro lugar, no visionamento do vídeo biográfico elaborado polo alumnado de 5º de Primaria co fin de coñecer unha morea de datos relacionados co autor e a súa obra.
Deseguido, podedes xogar a DON RiDardo, o xogo, no cal se inicia unha partida de dardos formada por dez tiradas. En cada unha delas formúlase unha pregunta con tres opcións, das cales unha é correcta e dúas non. Ao acertar, o tirador fai diana no centro.
Rematados os lanzamentos o xogo ofrece tres posibles resultados:
- De 0 a 4 acertos: Algo non vai ben!
- De 5 a 7 acertos: Non está mal, peeeeero…
- De 8 a 10 acertos: PRO FE sio nal!
Neste último caso, a persoa participante poderá descargar un diploma honorífico expedido polo Equipo de Dinamización Lingüística deste centro e que o converte nun xenio das Letras!
Agardamos que o pasedes moi ben!