“A lectura que nos salva”: Iniciativas e recursos para ler, ver e escoitar durante a corentena (II parte)
AG.- Continuamos hoxe coa segunda parte da entrada na que vos faciamos unha relación das propostas e iniciativas nadas nas redes, dirixidas á animación á lectura, para facer máis leve o noso confinamento:
- A Editorial Kalandraka propón unha campaña de contacontos en vídeo. Tamén en twitter neste caso co cancelo #contoscontados.
- Espazo Lectura, esta marabillosa iniciativa que fomenta a lectura desde os bebes aos máis adultos, comparten con nós as súas recomendacións lectoras coa iniciativa: Os Letubers de Espazo Lectura. Podedes seguilos na súa páxina de Facebook.
- Están tamén os catálogos de libros en formato electrónico de todas as bibliotecas públicas e escolares para quen xa teñen credenciais de usuario/a ou non, como a plataforma Galicia Le que vén de liberar o acceso aos seus empréstimos de ebooks: https://www.galiciale.gal/
- Galix tamén nos ofrece a súa iniciativa, de novo en twitter cos cancelos #euquedonacasa #euleolix animándonos a subir unha foto nosa lendo LIX en galego e contarlles que nos pareceu a lectura.
- O Salón do Libro de Pontevedra despois de ter que pechar as súas portas deléitanos cun Salón virtual no que cada día nos deixan unha proposta visual de lectura, contacontos como o coronaconto, papiroflexia, malabares, cociña ou un fermoso obradoiro de poesía coa poeta Tamara Andrés. Procurade en Facebook e Twitter para o desfrute dos máis pequenos: #EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa
Unha marabillosa oferta lectora, variada, atraente, imaxinativa… Salvándonos coa lectura, resistindo coa lectura e esperando volver compartila presencialmente, véndonos as caras todos e todas.