Que número son?
AG.- Apetéceche pasar un anaco divertido e ademais repasar Matemáticas? Pois estade atentos/as, xa que hoxe a mestra Kelly Picos Pérez proponnos un xogo moi sinxelo de preparar e moi divertido!
Precisaremos dos seguintes materiais:
- Tarxetas de números. Escolleremos os números dependendo do nivel de competencia matemática dos/as participantes.
- Unha goma elástica/diadema para soster a tarxeta do número.
*Se non temos tarxetas de números xa creadas ou gomas elásticas/diademas, podemos empregar simplemente unha pegatina, un post – it… e escribir o número para posteriormente pegar na fronte.
O número de xogadores/as será de dous en adiante, sen límite! O procedemento será o seguinte:
Cada xogador/a terá un número na súa fronte que non pode saber nin ver. Así, cada un dos xogadores/as deberán adiviñar o número a través de diversas preguntas pechadas (de resposta si/non), como por exemplo…
- É maior ca o número…
- É menor ca o número…?
- Está entre os números…?
- O número ten centenas?
- O número ten decenas?
(…)
Se a resposta é si, poderase seguir preguntando. Pero se ao contrario, a resposta fose non, pasará a poder preguntar o seguinte xogador!
Entendido? Pois agora so queda xogar e divertirse cos números!