O bebé e xogo (0-3)

AG.- Algunhas cuestións básicas sobre  o xogo dos bebés nos primeiros 6 meses

    • A posición natural do bebé nesta etapa, cando está esperto e saciado, é deitado no chan boca arriba nunha superficie firme horizontal.
    • Esta posición dálle liberdade para mover mans e pés, un exercicio de coordinación óculo-visual que será fundamental para o que virá despois.
    • Non é preciso estimular o xogo. O xogo aparece por si só. É unha actividade que nace nas crianzas dun xeito espontáneo, por vontade propia e por mero pracer.
    • O bebé precisa sentirse seguro e ter todas as necesidades básicas satisfeitas. Sentirse coidado e valorado, nun ambiente tranquilo e preparado.
    • Por si mesmo, o bebé debe ir gañando conciencia de que pode decidir a que xogar, de que xeito e durante canto tempo.
    • A persoa que acompaña o bebé debe estar presente, dando seguridade á crianza e solucionando calquera situación de perigo ou incomodidade que puidera experimentar a criatura.
    • O adulto que acompaña o bebé debe crear o espazo axeitado para o xogo, libre de perigos e co ambiente e materiais axeitados á etapa e capacidades propias da crianza.
    • Non debemos colocar xoguetes nas súas mans. Se o facemos, poderiamos provocar unha relación de dependencia na que a crianza sempre estaría á espera de que lle deramos o xoguete, perdendo a noción de independencia, esquecendo a súa capacidade de facelo sen axuda externa.

 

Os primeiros xoguetes do bebé

Cando nos preguntan polo xogo en bebés acabados de nacer sempre respondemos o mesmo:

a voz da nai e o pai, as caricias, as miradas, o movemento ao son d@ adult@ que o sostén, as cantigas, os sorrisos…

Eses son os primeiros “xoguetes” do bebé.

 

Contrastes branco/negro

Máis aló disto, nas primeiras semanas podemos ofrecer ás crianzas imaxes en branco e negro.

Poden ser cartóns ou móbiles con figuras xeométricas. A razón de ser destes materiais é favorecer o desenvolvemento da vista; acompañar a capacidade de enfocar obxectos en movemento e e seguilos coa mirada.

Contido creado por Gaia Ecocrianza


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *