Le de balde o novo cómic, ‘Carriandola’ de Aira Editorial.

 

AG.- Aira Editorial ofrécenos de balde un dos seus últimos libros de banda deseñada en formato PDF. Grazas!

“Se non houbese corentena, se non houbese coronavirus, en moi poucos días os e as amantes da banda deseñada poderiades estar vendo e comprando nas vosas librarías de referencia o novo título de Aira editorial, Carriandola, un cómic pensado para todos os públicos, obra de Aloysius e Simón Blanco, que narra as aventuras dunha heroína moi especial, a nena Mariña.

O cómic publícase dentro do programa #OTeuXacobeo, da Xunta de Galicia, co gallo do Ano Xacobeo 2021 e quere servir tamén para dar a coñecer mellor a Vía da Prata-Camiño Mozárabe, unha ruta cara a Compostela que atravesa desde o leste a provincia de Ourense. Carriandola desenvólvese no tramo da ruta que percorre a comarca de Allariz-Maceda.

Para amenizar os días na casa, por tempo limitado, ofrecemos para a lectura gratuíta a versión dixital de Carriandola. As abraiantes aventuras de Mariña, un cómic que nos presenta un 2020 alternativo e algo apocalíptico. Un tempo no que a electricidade desapareceu e a xente vive a incerteza polo futuro. Mariña, unha nena especial, alérxica á mentira, está a piques de vivir unha emocionante aventura que a axudará a entender mellor quen é.

Este cómic sairá a un tempo en edición galega (orixinal), inglesa e castelá, co fin de chegar tamén aos públicos que visiten Galicia durante o Ano Santo. A tradución ao inglés é obra de Matthew Newton, quen fixo especial fincapé en manter o ton enxebre e surrealista da versión orixinal.

Esperamos que o gocedes.”

Para descargalo se entras na web da Aira:

Le de balde o noso novo cómic, ‘Carriandola’


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *