Frederick, recollendo palabras

 

AG.- A nosa compañeira Patricia Pena Barbeito, mestra no CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral, proponnos unha fermosa e interesante actividade que une poesía e arte. Queredes ser artistas da poesía e á vez sorprender a familia? Esta é a vosa proposta.

Quen é Frederick?

Frederick é un álbum ilustrado do escritor holandés Leo Lionni, publicado pola Editorial Kalandraka, no que se conta a historia dun rato diferente. É unha fábula moderna do conto da formiga e da cigarra que pon en valor o traballo de escritores e escritoras, actores e actrices e músicos e músicas que tanto nos están a acompañar nestes días de confinamento. Este particular rato de campo, cando todos están a gardar provisións para o frío inverno, recolle cores, palabras, raios de sol… E é que Frederick é poeta! Queres converterte no Frederick da túa casa?

Queres ser coma el?

Para conseguilo, só tes que seguir estas instrucións:

1. Colle un tubo de cartón como os do papel hixiénico, papel de cociña ou, se o tes pola casa, dos que son aínda máis longos e convérteo nun “MURMURADOR DE POESÍA”. Podes pintalo e decoralo ao teu gusto.

2. Elixe un fermoso poema dalgún libro que teñas na casa ou un xa coñecido de escritores e escritoras consagradas galegas como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro. Tamén podes utilizar os que deixan desinteresadamente aquí en “Lecturas Compartidas”  autoras como Mercedes Queixas, Rosalía Fernández Rial e máis que han de vir! (pero iso é unha sorpresa, shhhh!).
– Pide á túa familia que  sente en círculo e achégate por atrás co teu murmurador a recitarlles ese poema no oído. Le lentamente, moi baixiño, murmurando…

Conseguidooo!

Así é como te poderás converter nun Frederick dos nosos días, é dicir, nun creador ou creadora de palabras bonitas. Farás desta situación excepcional o momento perfecto para poñer en valor aquilo que non se pode pagar con cartos!


(A idea dos “murmuradores” foi vista nun curso do CFR da Coruña impartido pola poeta Mar Benegas).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *