Acrósticos numéricos
Un acróstico é unha composición poética en que as letras iniciais dos versos forman, lidas verticalmente, unha palabra ou frase. Na literatura galega temos varios exemplos, como este, este, este ou este.
O pasatempo de hoxe parte desta idea para combinar, de forma orixinal, o enredo lingüístico e matemático. É o «acróstico numérico», unha creación de Jaime Poniachik, matemático e divulgador uruguaio de xogos de enxeño, de matemáticas e de ludolingüística, falecido no 2011. O mecanismo é ben sinxelo: os números que aparecen horizontalmente deben sumar o mesmo número que forman en vertical a xeito de acróstico. Así, como vemos no primeiro exemplo de abaixo, d[o]us, u[n], [c]inco e tr[e]s suman once e tamén revelan este número combinando as súas letras.
Agora tócache a ti! Crea os teus propios «acrósticos numéricos». Unha vez ideados, pásaos a limpo: píntaos nun folio, deséñaos no teu ordenador cun procesador de textos… E en familia, mellor! Seguro que vos quedan ben lucidos!
Encantounos ao meu fillo e a min. Sudamos un pouco, pero aí vai un:
tres-cero-cinco-un-tres-catro-tres-tres-tres-tres-nove.
Suman, trinta e sete. Colocalos, volo deixo a vós.
Grazas
Alégrome de que vos gustase. Ánimo, á volta das vacacións, máis enredos!
Un gran xogo a modo de reto. Para o trece que tes aí arriba, xa levamos atopados o meu irmán máis eu outras catro respostas diferentes. E seguimos pelexando…
Pois veña, a espremer os miolos, seguro que sane máis. Por certo, ilustrar os acrósticos é tamén boa idea.