“A lectura que nos salva”: Iniciativas e recursos para ler, ver e escoitar durante a corentena (I parte).

AG.- Esta corentena forzosa que estamos a vivir, semella, estar conseguindo, sacar o mellor de todos e todas nós. Son moitas as persoas e as organizacións relacionadas coa nosa literatura e coa nosa cultura, que amablemente comparten as súas creacións en aberto para que poidamos gozar delas.

Nesta entrada queremos facer un recompilatorio destas iniciativas tan destacables:

  • O AC Alexandre Bóveda foi un dos primeiros en unirse a estas iniciativas coa súa práctica “Ler en galego desde a casa” onde anima ás editoriais a publicar audiolibros en galego dos clásicos entre outras propostas: https://www.acalexandreboveda.gal/ler-en-galego-desde-a-casa/. Tamén achegan unha relación de páxinas nas que podemos ler libros en galego de balde como Galicia Le, Bivir ou Galiciana.
  • A Editorial Baía libera na rede obras de lectura dos seus autores, dirixidas a lectores e lectoras de todas as idades, desde infantil ata maiores de 12 anos: “Baía Edicións con vós na casa”. Novelas como “Boa sorte” de María Solar , Arturo Iglesias e ilustracións de Xosé Tomás (9-10 anos) poden descargarse de balde para o noso desfrute lector: https://baiaedicions.gal/editorial/baia-edicions-con-vos-na-casa/
  • O grupo de teatro de Celtia (A Xanela do Maxín) colgou en YouTube o vídeo completo do espectáculo “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”.
  • A editorial Cuarto de Inverno tamén publica nas redes, en Facebook e en Twitter textos agasallo dos seus autores e autoras. Podedes seguir os sus chíos cos cancelos: #euficonacasa
    #cuartodeinverno, #lerentretodxs.
  • O escritor Diego Giráldez iniciou unha campaña en twitter co cancelo #CorentenaLiteraria na que convida a escritores e escritoras a deixar o seu vídeo lector (e xa van máis de 25…).
  • Edicións Xerais convida os seus autores e autoras a lernos un poema (Manuel Rivas), un capítulo (Pedro Feijoo, Rosa Aneiros, María Reimóndez… entre outros autores e autoras) e gravalos en vídeo. Podedes seguilos en twitter coas etiquetas: #envozpropia #librosxerais #literaturagalega #quedanacasa.

E algunhas máis que vos achegaremos na segunda parte desta entrada…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *