Pasamento de Franco Grande
AG.- Hoxe quedamos un pouco máis orfas, faleceu Xosé Luís Franco Grande.
Nacido en Tebra (Tomiño) en 1936, este escritor e avogado formaba parte da xeración de galeguistas que viviu os anos escuros do Franquismo, como el mesmo retratou no libro Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, un grupo que exerceu de ponte entre a Xeración Nós e as persoas que viñeron despois.
Estudou o bacharelato en Vigo e alí coincidiu con Bernardino Graña. Comezou Filosofía e Letras e despois licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago. Alí coñeceu a Ramón Lugrís que o puxo en contacto con outros galeguistas. Na universidade foi varias veces galardoado nas Festas Minervais.
Desde moi novo escribiu poesía e teatro mais foi 1968 un ano decisivo coa publicación do seu Diccionario Galego-Castelán, unha obra que foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. O “Franco Grande” foi unha referencia durante anos, grazas ao seu tamaño máis reducido como ben explica Xesús Ferro Ruibal. En 1972 publicou tamén o Vocabulario galego-castelán (1972).
Se hai un libro que o define é Os anos escuros, unha verdadeira crónica da época e un fantástico relato dun tempo, dun país e dunha xeración. Un tempo en que a cultura serviu “como muro de resistencia fronte á represión franquista das reivindicacións de Galicia como cultura e nación con identidade de seu” destaca Galaxia, editorial na que Franco Grande tivo un papel primordial. Nesta editorial hai un par de semanas tiraba do prelo a derradeira obra A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos.
Boa viaxe, Mestre!
Foto destacada: Aira das Letras