Sesión de Ioga para infantil (2º sesión)

SESIÓNS DE IOGA
PARA 3, 4 E 5 ANOS.

AG.- Nos próximos días teredes diferentes sesións e xogos relacionados co Ioga para que poidades realizar na casa cos cativos e cativas. O ideal é que participe toda a familia e así poder mover o corpo. Pódena realizar nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Terán unha duración aproximada de 20 min. Material: roupa deportiva/cómoda e esteira ou alfombra.

A sesión dividirase en tres partes: fase inicial, fase de desenvolvemento e fase de volta á calma (fase final). A fase inicial e a fase de volta á calma (fase final) sempre será a mesma. Terá unha duración de 5 min cada unha aproximadamente.

Recomendacións:

  • Non facelo co estómago cheo.
  • Beber auga ao rematar
  • Podemos facelo antes de durmir xa que é relaxante.
  • Facelo amodo para evitar lesións.

1. FASE DE INICIO (DURACIÓN 5 MIN APROX.)

Fase de preparación e concentración.

Poderemos ambientar a sala con música clásica ou relaxante, poñer candeas…

Sentarémonos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.

*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.

  • Poderemos contar unha historia para ambientar e relaxar os nenos e as nenas e presentarlles o Ioga. Un bo recurso é o conto de “Om” un neno moi salvaxe que practica ioga imitando os diferentes animais do bosque, do mar, fantásticos como o dragón…
  • Cos ollos pechados comezaremos a realizar inspiracións profundas co nariz e soltalo lentamente pola boca.
  • Contamos ata 4 para coller aire e 4 para soltalo. Repetiremos 3 veces.
  • Inspiramos outra vez polo nariz e soltamos pola boca o aire dicindo “ooooommmmm”, dicíndolles aos nenos e nenas que alonguen a letra “m” do “oommmmm” o máximo que poidan.

 

2. FASE DE DESENVOLVEMENTO (DURACIÓN 10-15 MIN APROX.)

2.1. – Imitación de posturas (animais).

– Animais de auga:

  • A RA.

Imitaremos a unha ra apoiando os dous pes no chan e poñéndonos en crequenas e cos nosos cóbados abrimos un pouco as nosas pernas, os nosos xeonllos. Pegamos as palmas das mans unha con outra como “rezando” e pegamos os cóbados aos xeonllos levando as mans diante do peito, inhalamos e exhalamos.

  • O GOLFIÑO.

Tumbámonos no chan boca abaixo, levamos as puntas dos pés ao chan e apoiamos tamén os antebrazos. Imos erguendo o corpo despegándonos do chan co lombo recto e a barriga dura apoiados só cos dedos dos pés no chan e cos nosos antebrazos pegados tamén no chan. Imos camiñando cara adiante cos pés sen despegar os antebrazos ata que quedemos nunha postura de V invertido, levantando o cu, como un triángulo. Inhalamos e exhalamos volvendo lentamente coas pernas cara atrás e pegámonos no chan.

  • O PEIXE.

Tumbámonos no chan estirados e mirando cara arriba. Colocamos as mans debaixo dos glúteos. Pouco a pouco imos levantando o peito e os ombreiros cara ao teito e apoiamos o curuto no chan. Prestaremos moita atención ao pescozo para non lesionarnos.

– Animais de aire:

  • O FLAMENGO.

Poñémonos de pé, rectos e estirados e elevamos unha perna flexionando un xeonllo agarrando o pé coas nosas mans por detrás do glúteo. Inhalamos, exhalamos e baixamos a perna. Repetimos coa outra perna. Inhalamos e exhalamos.

  • O PAXARO.

Continuamos de pé moi rectos, botamos pouco a pouco unha perna cara atrás elevándoa a medida que imos inclinando o corpo cara adiante mirando coa cabeza e o peito para o chan e elevando a perna recta en liña co corpo. Os brazos tamén os levamos cara atrás. Inhalamos e exhalamos aguantando o equilibrio. Cambiamos de perna e facemos o mesmo.

  • A BOLBORETA.

Sentamos no chan como un indio e pegamos os pés un co outro, coas plantas dos pés pegadas. Moi estirados inhalamos e exhalamos mentres movemos as pernas imitando o movemento das bolboretas, como se voásemos.

*Imaxe collida no blogue http://zubiyoga.blogspot.com/

2.2. Superheroes do ioga.

Agora que xa estamos familiarizados coas posturas de Ioga, xogaremos a ser superheroes do Ioga!! Quen non soñou nunca con ser un superheroe ou superheroína?

Facemos un círculo de pé e, cos pés no chan, respiramos profundamente e imaxinamos o superheroe que queremos ser cos ollos pechados e imos presentando un por un o superheroe que nos gusta no centro do círculo, contando o noso supernome, o supervestido, o supersonido e o superxesto que fai.
Todos teremos que imitar o que fai o superheroe do centro do círculo!! Cando todos rematamos, pechamos os ollos coas mans diante do peito coas palmas da man pegadas como “rezando”, tomamos aire polo nariz e soltámolo pola boca moi baixiño e amodiño tres veces para que os poderes do noso superheroe queden gardados dentro de nós para podelos empregar o día que os necesitemos!!!

 

3. FASE DE VOLTA Á CALMA/FINAL (DURACIÓN 5 MIN APROX.)

 

*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.

 

  • Sentaremos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.
  • Inhalaremos e exhalaremos 5 veces.
  • Despois faremos a postura do bebé para relaxarnos. Esta postura consiste en poñerse de xeonllos apoiando o cu nos pés e pegando a cabeza no chan. Levamos os brazos e mans cara atrás tocando os pés e pechamos os ollos. Relaxámonos uns segundos nesta postura cos ollos pechados inhalando e exhalando 5 veces.

Aproveitamos que estamos nesta postura e estiramos un pouco o lombo, levantamos as mans e os brazos cara adiante estirándoos o máximo que poidamos pegando as palmas das mans no chan. Aguantamos aí uns segundos e volvemos a sentarnos como “un indio”. Agora imaxinamos que temos unha torta de aniversario, collémola coas mans e poñémola diante de nós para apagar a candea. Inhalamos e exhalamos para intentar apagar a candea pero non a damos apagado!! Volvemos inhalar e repetimos dúas veces máis ata que se apague tal e como nos recomenda a mestra de Educación Física Ruth María Varela Mateos.

 

Sandra Pérez Longueira
Coa colaboración de Ruth María Varela Mateos


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *