Sesións de Ioga para infantil (1ª sesión).
SESIÓNS DE IOGA
PARA 3, 4 E 5 ANOS
AG.- Nos próximos días teredes diferentes sesións e xogos relacionados co Ioga para que poidades realizar na casa cos cativos e cativas. O ideal é que participe toda a familia e así poder mover o corpo. Pódena realizar nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Terán unha duración aproximada de 20 min. Material: roupa deportiva/cómoda e esteira ou alfombra.
A sesión dividirase en tres partes: fase inicial, fase de desenvolvemento e fase de volta á calma (fase final). A fase inicial e a fase de volta á calma (fase final) sempre será a mesma. Terá unha duración de 5 min cada unha aproximadamente.
Recomendacións:
- Non facelo co estómago cheo.
- Beber auga ao rematar
- Podemos facelo antes de durmir xa que é relaxante.
- Facelo amodo para evitar lesións.
1. FASE DE INICIO (DURACIÓN 5 MIN APROX.)
Fase de preparación e concentración.
Poderemos ambientar a sala con música clásica ou relaxante, poñer candeas…
Sentarémonos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.
*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.
- Poderemos contar unha historia para ambientar e relaxar os nenos e as nenas e presentarlles o Ioga. Un bo recurso é o conto de “Om” un neno moi salvaxe que practica ioga imitando os diferentes animais do bosque, do mar, fantásticos como o dragón…
- Cos ollos pechados comezaremos a realizar inspiracións profundas co nariz e soltalo lentamente pola boca.
- Contamos ata 4 para coller aire e 4 para soltalo. Repetiremos 3 veces.
- Inspiramos outra vez polo nariz e soltamos pola boca o aire dicindo “ooooommmmm”, dicíndolles aos nenos e nenas que alonguen a letra “m” do “oommmmm” o máximo que poidan.
2. FASE DE DESENVOLVEMENTO (DURACIÓN 10-15 MIN APROX.)
2.1. Imitación de posturas (animais).
As posturas de ioga para nenos e nenas normalmente relaciónanse con diferentes animais para que lles resulten máis atractivos e doados de imitar.
Os nenos e nenas motívanse moito cando teñen que imitar os diferentes animais que existen.
Tras contarlles a historia do neno Om, retaremos os nenos e nenas a que demostren o fortes, flexibles, bondadosos e valentes que somos.
Para isto iremos imitando as diferentes posturas de animais e así irán aprendendo e familiarizándose con elas.
Nesta sesión comezaremos por imitar os animais de terra, nas seguintes imitaremos os de auga e, por último, os de aire.
2.2. Animais de terra:
O CAN
Colocámonos no chan de xeonllos, co cu sentado nos pés e as mans apoiadas no chan. Imos elevando pouco a pouco o cu cara arriba ata que rematemos nunha postura de V invertida cos pés e as mans apoiadas no chan, os xeonllos estirados e o cu arriba. Como un triángulo.
A SERPE
Tumbámonos no chan boca abaixo estirados, deixamos as palmas das mans pegadas no chan á altura do peito. Apoiamos a cabeza no chan relaxados uns segundos e imos pouco a pouco despegando a cabeza, o peito e a barriga do chan, axudándonos das mans que quedarán pegadas ao chan. Unha vez arriba inhalamos, exhalamos e baixamos pouco a pouco.
A VACA
Colocámonos de xeonllos no chan e as palmas das mans apoiadas no chan por debaixo dos ombreiros (á altura dos ombreiros) e xeonllos por debaixo das nosas cadeiras.
O GATO
Despois da postura da vaca imos metendo a cabeza mirando o embigo facéndonos unha bóla. Curvamos o lombo imaxinando que o noso embigo se pega a el e temos unha corda imaxinaria no lombo que tira del cara ao teito. Inhalamos e exhalamos cando encollemos o embigo.
O LEÓN
Sentámonos de xeonllos no chan, co cu pegado aos pés, o lombo recto e pegamos as palmas das mans ben abertas nos xeonllos. Miramos cara adiante e cara arriba abrindo a boca e sacando a lingua para “ruxir” como o león. Inhalamos levantando a cabeza arriba e exhalamos quitando a lingua levando a cabeza mirando cara á fronte.
*Imaxe collida no blog http://zubiyoga.blogspot.com/
2.3. Imitación das posturas do blog “Juegos Infantiles”.
Déixovos un enlace a un blog onde hai diferentes posturas ioga nun pdf para traballar con nenos e nenas. Trátase de que aprendan e se familiaricen coas diferentes posturas de ioga.
Cada membro da familia pode escoller as 5 posturas que máis lle gusten sen repetir ningunha, que as faga e os demais debemos imitalo. Podemos aprender tamén os nomes de cada postura, dicímolo en alto e despois realizámola.
3. FASE DE VOLTA Á CALMA/FINAL (DURACIÓN 5 MIN APROXIMADAMENTE)
*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.
- Sentaremos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.
- Inhalaremos e exhalaremos 5 veces.
- Despois faremos a postura do bebé para relaxarnos. Esta postura consiste en poñerse de xeonllos apoiando o cu nos pés e pegando a cabeza no chan. Levamos os brazos e mans cara atrás tocando os pés e pechamos os ollos. Relaxámonos uns segundos nesta postura cos ollos pechados inhalando e exhalando 5 veces.
Aproveitamos que estamos nesta postura e estiramos un pouco o lombo, levanto as mans e brazos cara adiante estirándoos o máximo que poidamos pegando as palmas das mans no chan. Aguantamos aí uns segundos e volvemos a sentarnos como “un indio”. Agora imaxinamos que temos unha torta de aniversario, collémola coas mans e poñémola diante de nós para apagar a candea. Inhalamos e exhalamos para intentar apagar a candea pero non a damos apagado!! Volvemos inhalar e repetimos dúas veces máis ata que se apague tal e como nos recomenda a mestra de Educación Física Ruth María Varela Mateos.
Sandra Pérez Longueira
Coa colaboración de Ruth María Varela Mateos
Estupenda proposta. Imos aproveitar a situación para poñela en práctica. Poderiades facilitar un enlace ao conto de Om??
Moitas grazas e forza!!
Ola Sabela! Encantad@s de que che guste a proposta!! O conto de Om non o hai en galego, por iso non puxemos o enlace. Si o tes en castelán. Se buscas en google “cuento om yoga” xa che sae un enlace ao youtube e alí o tes narrado. Grazas!
ahh!! vale.
Grazas!!