Sesión de Ioga para infantil (3º sesión).

SESIÓNS DE IOGA
PARA 3, 4 E 5 ANOS

AG.- Nos próximos días teredes diferentes sesións e xogos relacionados co Ioga para que poidades realizar na casa cos cativos e cativas. O ideal é que participe toda a familia e así poder mover o corpo. Pódena realizar nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Terán unha duración aproximada de 20 min. Material: roupa deportiva/cómoda e esteira ou alfombra.

A sesión dividirase en tres partes: fase inicial, fase de desenvolvemento e fase de volta á calma (fase final). A fase inicial e a fase de volta á calma (fase final) sempre será a mesma. Terá unha duración de 5 min cada unha, aproximadamente.

Recomendacións:

  • Non facelo co estómago cheo.
  • Beber auga ao rematar
  • Podemos facelo antes de durmir, xa que é relaxante.
  • Facelo amodo para evitar lesións.

1. FASE DE INICIO (DURACIÓN 5 MIN APROX.)

Fase de preparación e concentración.

Poderemos ambientar a sala con música clásica ou relaxante, poñer candeas…

Sentaremos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.

*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.

  • Poderemos contar unha historia para ambientar e relaxar os nenos e as nenas e presentarlles o Ioga. Un bo recurso é o conto de “Om” un neno salvaxe que practica ioga imitando os diferentes animais do bosque, do mar, ou fantásticos, como o dragón…
  • Cos ollos pechados comezaremos a realizar inspiracións profundas co nariz para soltar o aire, lentamente, pola boca.
  • Contamos ata 4 para coller aire e 4 para soltalo. Repetiremos 3 veces.
  • Inspiramos outra vez polo nariz e soltamos pola boca o aire dicindo “ooooommmmm”, dicíndolles aos nenos e nenas que alonguen a letra “m” do “oommmmm” o máximo que poidan.

2. FASE DE DESENVOLVEMENTO (DURACIÓN 10-15 MIN APROX.)

2.1. Xogo do pano.

Xogaremos a unha versión un pouco diferente do pano. Trátase de que participe toda a familia!

Faremos dous grupos. Uns colocaranse na parte dereita e outros na parte esquerda. Facemos unha liña en cada grupo e poñémonos de fronte mirando o grupo contrario. Unha persoa sitúase no medio, de pé, cun pano suxeito na man. Cada membro do grupo terá un número asignado. Así, se cada grupo ten dous membros, os participantes do grupo da dereita terán asignado o número 1 e 2 respectivamente e os do grupo da esquerda igual.

A persoa que está no centro dirá un número e os membros que o teñan asignado sairán correndo a atrapar o pano. Pero coidado, antes de coller o pano, os membros paran 3 segundos, fan a postura de rezar cos ollos pechados e a persoa que está no centro escollerá unha postura de ioga para que imiten todos. Aquelas persoas que teñen que atrapar o pano e as que están esperando no seu respectivo grupo.

Tras isto, collerán o pano. O neno ou nena que colla o pano terá que volver correndo ao seu grupo e o outro ten que intentar collelo, se non llo dá quitado esa persoa pasa a formar parte do grupo contrario. Gañará o grupo que máis persoas teña cando o outro grupo non teña ningunha persoa.

Se non hai membros suficientes para formar dous grupos, o exercicio pódese variar cunha persoa no medio co pano, que propoña unha postura para realizar. Os demais imitámolo e tratamos de sacarlle o pano. O que ten o pano terá que escapar, como fariamos na versión do xogo orixinal, só que lle engadimos posturas de ioga.

2.2. Os dados do Ioga.

Previamente, trátase de crear 3 dados con folios nos que aparezan diferentes posturas de ioga adaptadas para eles e elas. Se non tedes impresora podedes debuxalos e que os cativos e cativas os pinten e decoren.
Aquí vos deixo un modelo para que fagades os dados e diferentes exemplos de como son:

Unha vez que teñades os dados creados…  comeza o xogo!

  • Poñémonos en círculo e lanzamos os dados.
  • Podemos comezar imitando as 3 posturas que salen no dado e que volva a tirar outro
    xogador.
  • Tamén podemos escoller a nosa postura favorita e inventar outras dúas posturas
    novas.
  • Outra opción é lanzar os dados e antes de imitar as posturas dicir algo bonito dos xogadores e xogadoras que participan no xogo (preferiblemente cualidades actitudinais, non físicas).

3. FASE DE VOLTA Á CALMA/FINAL (DURACIÓN 5 MIN APROX.)

*Imaxe collida do libro: Yoga en grupo, de Pablo Alonso.

  • Sentaremos en círculo como “un indio” cos cóbados e antebrazos apoiados nos xeonllos e pecharemos os ollos.
  • Inhalaremos e exhalaremos 5 veces.
  • Despois faremos a postura do bebé para relaxarnos. Esta postura consiste en poñerse de xeonllos apoiando o cu nos pés e pegando a cabeza no chan. Levamos os brazos e mans cara a atrás tocando os pés e pechamos os ollos. Relaxámonos uns segundos nesta postura cos ollos pechados inhalando e exhalando 5 veces.

Aproveitamos que estamos nesta postura e estiramos un pouco o lombo, levanto as mans e brazos cara a adiante estirándoos o máximo que poidamos e pegando as palmas das mans no chan. Aguantamos aí uns segundos e volvemos sentar como “un indio”. Agora imaxinamos que temos unha torta de aniversario. Collémola coas nosas mans e poñémola diante de nós para apagar a candea. Inhalamos e exhalamos para intentar apagar a candea pero non a damos apagado! Volvemos inhalar e repetimos dúas veces máis ata que se apague tal e como nos recomenda a mestra de Educación Física Ruth María Varela Mateos.

Sandra Pérez Longueira
Coa colaboración de Ruth María Varela Mateos


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *